Barra de menú

27.10.12

Moderna pedagoxía galega protagonista dunha xornada de estudo na universidade de Barcelona

Baixo a organización da Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona, na Cidade Condal celebrouse o pasado día 26 de outubro unha xornada científica centrada no papel das linguas da inmigración na escola. No encontro situáronse en destaque a metodoloxía didáctica “Modelo Burela” impulsada pola área de innovación do Instituto Perdouro da vila da Mariña e o proxecto Galauda levado á práctica por máis dunha ducia de centros de ensino secundario de Cataluña.
O programa de actividades contou coa participación do director xeral de inmigración da Generalitat de Cataluña, a decana da facultade de Filoloxía e o director do departamento de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona. Seguidamente, comezaron os diferentes relatorios centrados na política lingüística nos sistemas escolares de Galiza e Cataluña e en proxectos desenvolvidos en ambas as comunidades e encamiñados á cohesión social nos centros educativos.
Na mesma xornada, mais en horario de tarde, celebrouse unha mesa redonda coa participación de profesorado das universidades de Girona, Barcelona, Vic e Santiago de Compostela. O encontro finalizou coa conferencia da coordinadora do mesmo, a profesora Carme Junyent, da Universidade de Barcelona, sobre o papel das linguas nos centros escolares.
O relatorio do Instituto Perdouro integrou diversas proxeccións audiovisuais, xunto coa reprodución de fragmentos concretos do programa radiofónico “Proxecto Neo”, dedicado á integración de persoas neofalantes. O protagonismo centrouse nas persoas participantes en varios deses programas durante o curso pasado: Karina Parga (de nacionalidade francesa; Vicedirectora do IES Perdouro), Antonina Semedo (caboverdiana, integrante do gurpo musical Batuko Tabanka), Ummer Mohammad (estudante de orixe pakistaní), Juan Mario Lawicki (estudante de orixe ucraniana) e Catalina Sánchez Luengo (xerente da Fundación Expomar, orixinaria de Villanueva de la Serena en Badajoz).
A representación do proxecto educativo do Instituto Perdouro estivo a cargo de Bernardo Penabade, quen expuso a liñas xerais da metodoloxía didáctica “Modelo Burela” tanto para o fomento da fluidez das linguas estranxeiras como na integración de neofalantes e na mellora da expresión escrita da lingua de partida. Durante o encontro celebrado en Barcelona, valorouse a aplicación de novos proxectos de didáctica das linguas nos centros de ensino secundario da Mariña, como resultado da colaboración das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, así como do proxecto Galauda de Cataluña.
ENLACES

Sem comentários:

Enviar um comentário