Este luns 19 de novembro foi recibido e
acollido polo Director, Santiago J. Pérez e pola Vicedirectora,
Karina Parga, un grupo de 4 rapaces e rapazas alemáns acompañados pola
súa monitora, Luisa Huiguera, como parte dun programa europeo de
mobilidade por intercambio IdA Explorer! entre o centro de ensinanza “IES Perdouro” de Burela e Centro de Capacitación Profesional “Berufsbildungszentrum” (BBZ)
de Augsburgo. Logo da recepción de benvida no centro, os aprendices
visitaron algún dos puntos de interese de Burela e achegáronse ata a
fábrica de Sargadelos onde observaron o proceso de elaboración das
pezas de cerámica. Os participantes neste proxecto de formación
realizarán prácticas en empresas da localidade.
Sarah, Patricia, Sasha e Stefan
son 4 rapazas e rapaces alemáns que chegaron este sábado 17 de
novembro a Burela co próposito de realizar as súas prácticas en empresas
da localidade no sector da informática (APP), electrónica (TECNAV), deseño gráfico (ARFE) e hostelería (KIKO).
O martes empezarán a súa formación nas empresas colaboradoras ata o 13
de decembro coa ilusión de aprender e abrir horizontes profesionais.
Karina Parga, Vicedirectora do IES
Perdouro e encargada do Proxectos Europeos, explica que se trata dun
proxecto piloto alemán cuxa finalidade é incrementar as oportunidades
de estudos da xuventude. Este proxecto transnacional está respaldado
polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña e polo Fondo
Social Europeo. A Vicedirectora sinala que xa leva 3 anos traballando
co Centro de Capacitación Profesional Berufsbildungszentrum (BBZ) de
Augsburgo, Alemaña e que acaban de asinar unha prórroga dun ano máis. O
convenio entre o IES Perdouro e a BBZ enmárcase no proxecto IdA
EXPLORER! para fomentar o intercambio transnacional en Europa,
reivindicando a importancia de coñecer outras realidades para
desenvolver competencias e habilidades que faciliten unha integración
cualificada e duradeira no mercado de traballo. O IES Perdouro forma
parte deste proxecto xunto a 5 entidades sociais de Italia, Austria,
Hungría, Polonia e Alemaña.
Sem comentários:
Enviar um comentário