O martes 27 de maio tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña asi como a entrega de premios.
O debuxante santiagués Fran Bueno foi o invitado de excepción na clausura dos sextos Encontros de Banda Deseñada na Mariña que se celebraron no IES Perdouro de Burela.
Fran Bueno é un debuxante con gran proxección internacional xa que foi o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense. Ademais ten no seu aval o prestixioso premio Castelao de cómic 2013 convocado pola Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, Fran Bueno falou do seu día a día como debuxante de cómic e explicou ao seu público a importancia da lectura da imaxe. Falou da relevancia do trazo, do grosor das liñas, das sombras. Repasou o proceso de creación dunha viñeta dende o debuxo, o entintar, o feito de colorear e sen esquecer os globos, ferramenta que intensifica en moitos casos os tonos en que falan os personaxes. En resumidas contas, unha imaxe é un conxunto de curiosidades que ten como único obxetivo emocionar os lectores de banda deseñada. O artista soupo captivar a atención de todo o público que se viu inmerso no apaixoante mundo da viñeta. Como broche final, o recoñecido debuxante fixo un simpático debuxo dedicado ao alumnado do centro.
Sem comentários:
Enviar um comentário