Barra de menú

13.5.14

Viaxe a Londres

O pasado martes 29 de abril, un grupo de 24 alumnos acompañados por dous profesores, puxéronse rumbo a Londres, co fin de permitirlles aos rapaces coñecer outro país e outra cultura totalmente distinta á súa e tamén co obxectivo de poñer en práctica as dúas destrezas orais na lingua inglesa.

Á hora da saída da estación de autobuses de Burela podíase observar a emoción e os nervios que tiñan a maioría dos rapaces. Saíron do aeroporto de Asturias e, despois dun voo moi tranquilo, aínda que especial para moitos que subían a un avión por primeira vez, empezaron a desfrutar dun día soleado na capital británica. Sen embargo, á súa chegada, enteráronse de que non poderían utilizar o metro debido a unha folga, o cal tamén lles afectou ao día seguinte.

A pesar diso, e da choiva dun dos días, tanto os alumnos coma os profesores desfrutaron de distintas visitas na cidade, coma o Natural History Museum, o Science Museum e, como non pode ser doutra forma, o British Museum. Ademais, fixeron outros moitos percorridos de interese por esta cidade tan cosmopolita e os rapaces puideron ver landmarks que tanto desexaban coma o Big Ben, Tower Bridge, a Torre de Londres e outros moitos, sen olvidar a emocionante volta no London Eye, desde o cal gozaron dunhas marabillosas vistas da cidade.

Tamén tiveron a oportunidade de escoitar a un excelente músico entre o bulir dun venres pola tardiña en Covent Garden e somerxerse no típico ambiente de compras dunha mañá de sábado no famoso mercado de Camden Town.

Á volta, as familias foron quen de apreciar a emoción coa que chegaron os alumnos despois de todas estas vivenzas e a satisfacción do profesorado polo exitosa que resultou esta viaxe.

Toni Galdo

Sem comentários:

Enviar um comentário