Barra de menú

24.10.14

Crónica Conferencia "Ouro impuro" por José Fernández

Pola vida
              Por José Fernández López

Este xoves 23 asistimos a unha charla moi instrutiva impartida polo ecoloxista Moncho Varela. Nesta charla falounos sobre os problemas e vantaxes (vantaxes escasas) que suporía ter minas na nosa terra. 
Ás once da mañá comezamos coa charla “Ouro impuro: A loita por Corcoesto”. Na primeira parte mostrounos o fermosa que é a nosa terra, concretamente nunha rexión de Galiza coñecida como a Costa da Morte. Nas parroquias de Cangas hai unha gran industria láctea, gandeira, pesqueira e agrícola, que se ve afectada por estes proxectos de megaminería. Vimos tamén o percorrido entre certas parroquias que contan con vinte e catro antigos muíños. No municipio de Cabana de Bergantiños hai monumentos históricos como o dolme de Dombate, considerado a catedral do megalitismo, que contén gravados e diversas pinturas duns 6000 anos de antigüidade, castros, etc. Ademais, no Parque Nacional das Illas Atlánticas coexisten fauna e flora sen unha gran presenza humana. Sábese pola presenza de bioindicadores (animais aos que lles afectan os cambios ambientais de tal forma que falecen). Alí crecen, aliméntanse e reprodúcense especies asombrosas. Actualmente está en expansión o lobo ibérico, que dende a posguerra foi moi cazado pola súa abundancia e actualmente escasea.
A segunda parte trata sobre a febre do ouro. Dende épocas prerromanas, en Galicia aparece a explotación de ouro. Pódese ver unha exposición sobre isto no Museo Provincial de Pontevedra, que conta con pezas procedentes do castro de Santa Tegra como o casco de Leiro, un casco de ouro macizo con gravados. Despois da conquista romana, segundo textos de Plinio o Vello, entre Galicia, Asturias e Lusitania reuníanse 20.000 libras anuais de ouro, sobre todo das Médulas. Neste xacemento a extracción realizábase por decantación. A partir de 1492, co descubrimento de América, o Imperio Español, ademais de abrir outras rutas comerciais, interesouse polo ouro que se atopaba naqueles lares. O imperio español explotou o máximo posíbel as posibilidades auríferas de Sudamérica. A mediados do século XIX atravesouse un período chamado Febre do Ouro, durante o cal miles de persoas comezaron un éxodo masivo cara a lugares máis rurais para conseguir ouro con fins comerciais. Actualmente, existe un segundo período de Febre do Ouro, que comezou co inicio da crise e co ascenso do prezo do ouro. Realmente, pódese ver o auxe dese negocio porque antes da crise económica apenas existían tendas de “Compro Ouro”. O ouro sempre tivo un atractivo especial para o ser humano pero é incrible o prezo que alcanzou na actualidade.
Na terceira parte entendemos a relación de todo anterior co caso que nos viña presentar. A explotación de minas de ouro, na cal todo son problemas. Existen tres métodos para a separación de ouro. A gravitación (un sistema que non contamina pero que xa apenas se pode usar porque todo o ouro que había na superficie levárono os romanos); a flotación, que consiste no uso de escumas que separan compoñentes e a lixivitación, o máis contaminante e máis usado. Neste método emprégasase cianuro de sodio, mercurio, etc para poder separar a arsenopirita producindo residuos de cianuro, arsénico, etc, que se depositan en diques de cola que non son 100% infalibles, xa que poden romper. Por exemplo, este verán un dique de cola en Canadá rompeu e verteu todo os seus residuos aos ríos e solos. Ademais, neste tipo de accidentes medioambientais evapóranse residuos que producen enfermidades canceríxenas. Á parte disto, contamínanse toneladas de auga e úsanse explosivos tamén prexudiciais para o medio. Por sorte, no Parlamento europeo prohibiuse o uso de mercurio neste tipo de megaminería (5 de maio de 2010), pero existen multinacionais ás que lles sae máis rendible pagar a multa e saltar as normas.
Alguna destas multinacionais quería explotar un veta existente en Galicia, que vai desde Ferrol a Tui e o seu obxectivo era comezar en Corcoesto, onde se asenta un pequeno xacemento de ouro equivalente a un camión, deixando miles e miles de toneladas de residuos tóxicos. O Parlamento galego opúxose a este proxecto grazas a actuación de Change.org pero o problema continúa existindo en Asturias, onde Asturgold, Edgewater, etc queren perforar en Tapia de Casariego e para isto prometen 217 postos de traballo durante oito anos. Por todo o exposto anteriormente, decatámonos de que o prezo a pagar é demasiado elevado.  
Hai exemplos en Grecia, como a mina de Skouries, un sitio fermoso que foi destruído, arrasado e contaminado. Outro caso salientable é o da Baixa California (México), onde activistas ecoloxistas levan oito anos loitando por impedir que un destes proxectos saia adiante. 
Existen informes de que este proxecto en Tapia é inviable sen repercusións no medioambiente, para canto máis nunha zona onde abunda o sector primario. 217 mineiros non poden substituír a mariñeiros, gandeiros, marisqueiros, etc, ademais do abondoso turismo que está acollendo a zona durante estes últimos anos.
Na miña opinión, a explotación dunha mina de ouro é o peor que pode suceder no relativo á conservación do medio ambiente natural e do patrimonio cultural e humano. Os desastres ambientais acaecidos este verán en Canadá pola fuga dunha bolsa de contención, a explotación do ouro no río Amazonas con mercurio ou o Monte Furados, unha mina construída polos romanos que aínda contamina dende hai 2000 anos son exemplos das consecuencias negativas das minas. Aínda me asombra que a estas empresas só as multen economicamente cando usan produtos que son nocivos para todos. Se algún ricachón das empresas internacionais que quere construír esta mina di que isto que escribín é todo mentira que constrúa un chalé en primeira liña de mina. A ver se ten o que hai que ter para pisar ese chan, beber esa auga e respirar ese ar. Este artigo fágoo por min, pola Terra, por Galicia, por Asturias e pola vida. 

Sem comentários:

Enviar um comentário