Barra de menú

19.10.14

Viaxe ao Camiño de Santiago

O xoves 16 de outubro os alumnos de Relixión de 3º ESO e os de 3º PDC viaxaron a Samos e ao Cebreiro para coñecer in situ algún tramo do Camiño de Santiago.

A primeira parada foi no Mosteiro de Samos. Alí os rapaces visitaron os claustros, a igrexa, a sancristía, a antiga botica, os corredores das celas dos hóspedes etc. Recibiron abundante información sobre a historia do Mosteiro e a súa relevancia no Camiño a Santiago. Tamén constataron a súa aportación á literatura galega a través, por exemplo, do Padre Feixoo ou de Ramón Cabanillas.
Cómpre salientar as interesantes explicacións que recibiron de dous monxes residentes no Mosteiro, o padre Gregorio e o padre Leandro, que expuxeron a súa traxectoria vital e profesional e as razóns que os levaron a elixir a vida monástica.
Pola tarde, as actividades continuaron coa visita á igrexa de Santa María do Cebreiro. Este templo prerrománico dá entrada ao Camiño de Santiago en Galicia. A copiosa chuvia impediu que se puidese realizar o traxecto de 1100 m que separa a igrexa da fronteira coa provincia de León.
Por último, os rapaces tiveron un pouco de tempo de lecer na parada realizada en Lugo e a chegada a Burela tivo lugar sobre as oito da tarde.
Unha mágoa que chovera e que non puidésemos gozar de máis tempo ao aire libre!

Sem comentários:

Enviar um comentário