Barra de menú

5.11.14

Día da ciencia en galego - todo un éxito!!!

Nota de prenda da Coordinadora 

Máis de 4.200 alumnos de 75 centros escolares achegaranse mañá en galego á programación de ordenadores a través dunha videoconferencia organizada pola CGENDL

Manuel Caeiro Rodríguez, Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo e responsable da rede TELGalicia sobre innovación educativa e da aplicación, falará sobre “A ciencia de programación de ordenadores (tamén en galego)” para o alumnado de Secundaria, que terá a posibilidade de interaccionar co relator a través dun chat.

A Coordinadora Galega de ENDL organiza un ano máis este evento que se enmarca nos actos do Día da Ciencia en Galego, instaurado hai cinco anos para reinvindicar o uso da lingua galega no ensino non universitario tras a súa eliminación das áreas científico-técnicas pola Consellería de Educación.
Participarán uns 75 centros escolares, e máis de 4200 alumnos e alumnas, este mércores 5 de novembro.

 
Con motivo do V Día da Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística convocou aos centros de ensino non universitario a participar nunha videoconferencia que conta coa colaboración da Área Multimedia da Universidade de Vigo.
Na videoconferencia, que dará comezo ás 12:00 e terá unha duración dunha hora, Manuel Caeiro Rodríguez, Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación e profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo, ofrecerá una charla para o alumnado do 2º ciclo da ESO e o Bacharelato baixo o título “A ciencia de proramación de ordenadores (tamén en galego)”. Nela, o profesor Caeiro introducirá a historia da programación de ordenadores dende a orixe do algoritmo dos árabes pasando por Ada Lovelace e Alan Turing para chegar á estrutura dos ordenadores actuais e aos paradigmas de computación máis empregados. O relator amosaralle ao alumnado ferramentas coas que é moi doado programar, como Scratch e Squeak, para que poidan facer, tamén en galego, os seus programas.
Como nas anteriores edicións, este evento ten unha moi boa acollida nos centros escolares e a inscrición supera os 4200 alumnos e alumnas de máis de 75 colexios e institutos de todo o país. Estes rapaces e rapazas poderán seguir en vivo a intervención do conferenciante e dirixirlle preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.
Esta videoconferencia, xunto con numerosas actividades presenciais que se desenvolven estes días nos centros educativos, nas universidades e noutras institucións, pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. Os colectivos convocantes (AGAPEMA, APETEGA e ENCIGA) e as institucións e entidades que se suman a esta data reinvindicativa, como a CGENDL, queren expresar deste xeito que as linguas, neste caso o galego, se aprenden usándoas en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar de que a Consellería de Educación a excluíse como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos coa aplicación do Decreto para o Plurilingüismo.

Sem comentários:

Enviar um comentário