Barra de menú

12.11.14

Viaxe ao Cebreiro - Unha crónica de Clara e Alba

Alba Carreiras e Clara Iglesias
3º E.S.O. - A -

Os cursos de Relixión de 3º de E.S.O. tivemos unha viaxe de estudos o xoves 16  de outubro. O obxectivo era coñecer varios lugares vinculados ao Camiño de Santiago (Camiño Francés): O Mosteiro de Samos e o Poboado de O Cebreiro. 

Despois de viaxar dúas horas en autobús, chegamos ao pequeno pobo de Samos. Logo de coñecer un poco o centro da vila fumos visitar o Mosteiro de San Xiao. 

Ao pouco de comezar o percorrido encontrámonos cun monxe, coñecido dos nosos profesores Antón e Bernardo, que se ofreceu para explicarnos algúns aspectos da vida dos monxes. Quedamos en vernos ao chegar á igrexa, antes de rematar a visita.

Antón, que foi o noso guía ao longo da xornada -xa coñece estes lugares dende hai anos- foinos explicando as diferentes estancias do edificio: claustros, refectorio, biblioteca, celas, pinturas, sancristía, igrexa...

Na igrexa deste mosteiro, que tamén é a igrexa parroquial de Samos, os monxes Gregorio María e Leandro explicáronnos cómo era a súa rutina diaria e as razóns que os levaron a unirse a este tipo de vida.   

Despois de xantar na vila saímos cara O Cebreiro. Ao chegar a este poboado, dirixímonos ao Santuario de Santa María onde nos explicaron varios aspectos históricos, artísticos e lendarios. Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi a exposición de biblias en diferentes idiomas. Como é un lugar onde pasan moitos peregrinos procedentes de diversos países, o santuario ofrécelles a posibilidade de ler e rezar no seu idioma nativo. 

Tíñamos previsto percorrer a pé un tramo do Camiño de Santiago, ata o límite con Castela-León, pero debido ás inclemencias do tempo tivemos que suspendelo.

Na viaxe de regreso fixemos unha parada en Lugo, onde aproveitamos para merendar e facer unhas compras nun centro comercial. 

Pouco antes das oito da tarde chegamos a Burela. Nas nosas casas falamos do vivido durante o día e da posibilidade que tivemos de saber algo máis da nosa provincia, unha zona de montaña diferente ao lugar onde vivimos nós, que tamén ten lugares que merece a pena coñecer.

Sem comentários:

Enviar um comentário