Barra de menú

2.3.15

De visita inscructiva por Lugo - 1º de Bach.

    Mónica Palacios – 1º BAC
  
O día 26 de febreiro, os alumnos de 1º de bacharelato fixemos unha viaxe a Lugo para visitar o campus da cidade, pertencente á Universidade de Santiago, e tamén a Fundación TIC.

Saímos do IES Perdouro en autobús ás nove menos vinte da mañá para chegar a Lugo ás dez e dez aproximadamente. 

Xa alí, fomos directamente á Biblioteca Intercentros da Universidade para poder facer unha visita guiada. En primeiro lugar, contáronnos como funciona a biblioteca e algúns puntos importantes desta, como por exemplo os distintos tipos de salas que hai e tamén a numerosa colección da que dispoñen, tanto de libros como de revistas e doutro tipo de materiais, como por exemplo o electrónico.

Logo, en dous grupos, puidemos ver as diferentes salas, que á súa vez están divididas segundo a temática dos libros que se atopan nesta, todos moi ligados aos distintos graos que se poden cursar no Campus de Lugo. Tamén vimos outros tipos de salas, como a de traballo en grupo e como a hemeroteca, onde están as revistas.

A continuación, saímos da biblioteca e dirixímonos á Escola Politécnica Superior. Alí, xunto con alumnos doutros institutos, déronnos unha visión xeral sobre o Campus de Lugo, as súas facultades, os Graos que se poden cursar, a vida universitaria na cidade e outro tipo de información importante referente á Universidade de Santiago, como por exemplo as facilidades dadas por esta para cursar idiomas. Como agasallo, entregáronnos unha carpeta e unha axenda da Universidade de Santiago.

Despois, voltamos ao autobús para dirixirnos á Fundación TIC. Alí, explicáronnos que se trata dunha entidade formativa audiovisual que promove a Deputación de Lugo e que conta coa Escola de Imaxe e Son e co Centro de Produción e Programas, que é o lugar onde fixemos a nosa visita. Puidemos ver todas as instalacións de centro, no cal contan con dous platós e dúas cabinas totalmente equipadas para que os alumnos poidan poñer en práctica o aprendido nas aulas. Ademais diso, serven de apoio a ONGs, asociacións e concellos. Por último, tamén participan na realización de spots, programas de televisión, curtametraxes, videoclips, etc.

Puidemos ver todo o proceso de gravación e realización e ensináronnos a importancia do traballo que hai detrás das cámaras. Vimos todo o material co que contan, o Control de Realización e Son, as Cabinas de Montaxe, as oficinas, os estudos... Como sorpresa final, algúns dos alumnos participaron na realización dun telexornal, e a cada un de nós foi agasallado cun pen-drive que contiña ese telexornal e tamén un video informativo da fundación TIC.

Ao redor das dúas da tarde, fomos ao centro comercial das Termas para xantar e gozar dun pouco de tempo libre.

Logo, dirixímonos ao centro da cidade para poder ver a Domus do Mitreo, pertencente á Universidade de Santiago. Trátase dun xacemento que conserva os restos dunha casa romana. Alí realizamos unha visita guiada na que nos explicaron os datos máis importantes do xacemento e onde tamén vimos un video explicativo. Finalmente, puidemos ver estes restos de orixe romana.

A continuación, dúas alumnas puideron visitar a Facultade de Formación do Profesorado mentres os demais demos un paseo polo centro da cidade.

Finalmente, dirixímonos ao autobús para voltar a Burela, chegando así as oito da tarde aproximadamente. Persoalmente, creo que todos os lugares que visitamos puideron resultar moi interesantes para a maioría de nós. 

Sem comentários:

Enviar um comentário