Barra de menú

13.3.15

LUCÍA RIVAS, PREMIO "O GALEGO NA ONDA"

Cando botamos a andar o programa "Proxecto Neo", en xaneiro de 2012, non levantamos grandes entusiasmos a non ser nun grupo reducido de persoas entre as que estaba Senín Díaz, un filólogo que naquela altura se ocupaba do control técnico en Radio Burela e que colaboraba en tarefas de redacción. Coa súa axuda e alento, unha semana tras outra conseguimos producir, realizar e difundir através das ondas un espazo de radio educativa que co tempo se ía converter nun foro de convivencia intercultural.

No mes de marzo daquel ano aproximábamonos á ducia de programas emitidos e chegounos unha sorpresa. Lucía Rivas presentouse no Instituto Perdouro, díxonos que nos escoitaba todas as semanas, deunos os parabéns e díxonos algo que aínda ninguén nos dixera: "se hai algo que eu poda facer, contade comigo". Diante da xenerosa oferta, nós fomos torpes e non soubemos estar á altura; non lle dixemos nin que si nin que non. Os pedagogos fomos dominados pola antipedagoxía. Porén, Lucía foi máis forte e máis intelixente e o mércores seguinte presentouse ás portas de Radio Burela media hora antes da realización do programa e dixo que lle gustaría ver como se facía Proxecto Neo.

- Adiante!

Afortunadamente, en plena emisión, Karina Parga tivo que atender as redes sociais e non podía recoller a memoria gráfica. Entón Lucía colleu a cámara, púxose mans á obra e completou a reportaxe fotográfica. Daquela caemos da burra e vimos o evidente: que Lucía se sentía unha integrante do grupo e que podía facer un grandísimo traballo.

Aínda ben que rectificamos a tempo e que superamos os nosos propios prexuízos. Por que os tíñamos?  Vexan o absurdo: porque Lucía naceu cunha limitación física; sen ser xorda, a súa capacidade auditiva era moi limitada; iso obstaculizoulle moito a comprensión e a expresión oral na infancia e, como é evidente, tamén a comprensión e a expresión escrita desde o momento en que entrou no colexio. De aí derivou un fracaso escolar no sistema convencional, que case nos atrapa.

Mais Lucía ten unha forza vital enorme e ten moita capacidade de decisión e é extrovertida e aprendeu desde pequeniña a derrubar fronteiras. Ela incorporouse a Proxecto Neo e púxose a traballar desde o primeiro día e desde o primeiro día chegou sempre con puntualidade, mantívose constante e encargouse de transmitir ánimo nos momentos de dúbida. Incluso máis: Lucía converteuse na nosa referencia de educación en valores. Cando emitimos o programa número 90, foi ela quen dixo: "faltan só dez para os cen; hai que ir pensando nun detalliño para estes rapaces, porque o fan moi ben e porque son moi responsábeis". Pura lóxica e moita sensibilidade.

Felizmente, da responsabilidade e da dedicación de Lucía non nos demos conta nós sós. Para velo, a Rubén Riós e a Andrés Rozados non lles fixo falta máis dun par de sesións, tras das cales tomaron a decisión de propoñer a Lucía Rivas como candidata ao premio "O Galego na Onda" xunto con Viviane e Laura Brito, Simón R. Rouco, Serxio Rivas, Maka Ledo, Elena Valle e Sofu Housni. E, non menos felizmente, a proposta foi aceptada e Lucía ten tamén a súa cota de participación no galardón.

Benvido sexa, pois, este "Galego na Onda" como recoñecemento á forza de vontade e ao espírito de superación; e tamén á coeducación, á educación integradora, á escola comprometida na loita contra as desigualdades sociais.

1 comentário:

  1. Moitísimas grazas por esas palabras tan bonitas, quedeime emocionada!!
    Un saúdo, Lucía Rivas.

    ResponderEliminar