O pasado venres día 4, o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro fomos de andaina por Burela. Saímos do instituto ás 9:20, acompañados polos profesores Fernando, Begoña, Eva e Carmen, ademais da profesora xubilada de Xeografía e Historia Maribel Crecente, que fixo de guía durante o camiño.
Primeiro, organizámonos en grupos de 5, nos que tiña que haber rapaces e rapazas, para responder ás preguntas que Maribel nos ía facendo en cada parada. Por cada acerto recibiamos unha bóliña e, ao final, o equipo que tivese máis boliñas gañaba unha bolsa de bombóns.
Comezamos o paseo pola zona vella de Burela, a Vila do Medio, onde Maribel nos falou das primeiras capturas que se fixeron en Burela: balea, sardiña e bonito, nesa orde; ademais de falarnos do río de Burela, o Rodil.
Continuamos camiñando ata que paramos a falar das illas que se ven dende Burela, os Farallóns, que son tres: Pé, Sombriza e Baixa, e que pertencen a Cervo. Aprendemos que Burela realmente non ten faro, senón unha baliza. No mesmo sitio, Fernando falounos da menta, unha planta que normalmente usamos para calmar a dor da picadura dunha ortiga.
Continuamos camiñando ata a igrexa de Vila do Medio, onde sacamos unha foto grupal e Maribel nos convidou a entrar para explicarnos moitas cousas sobre a súa construción. Resulta que é a igrexa máis antiga de Burela, famosa polas pinturas das paredes, feitas para que a xente, como non sabía ler nin escribir, coñecese a vida de Cristo. Maribel falounos das partes dunha igrexa (naves, presbiterio, altar, ambón, púlpito, sacristía, retábulo, coro...) e da peste negra, unha enfermidade transmitida polas pulgas das ratas que fai que se che corrompa a pel. Contounos que a igrexa de Santa María (a outra igrexa de Burela) ten pinturas con medallas e pelo real, que os cidadáns depositaron como ofrendas á virxe. Aprendemos que o que fai que unha igrexa se considere catedral non é o tamaño, senón que un bispo sexa “o xefe superior”; e que as igrexas están orientadas de leste a oeste.
Logo de recuperar forzas comendo xunto á igrexa, seguimos andando rumbo á zona da praia da Marosa.
Fixemos varias paradas para falar sobre especies exóticas invasoras, unha delas, a cortadeira. Chamoume moito a atención porque non sabía que as súas follas poden cortar e son perigosas. Cando por fin chegamos á Marosa, percorremos todo o paseo marítimo e falamos sobre a unlla de gato, unha planta que se estende moi rápido cubrindo amplas superficies e que ten unha flor moi grande que resulta atractiva para as abellas, as cales deixan de ir coller pole a outras especies autóctonas.
Tamén paramos en cabo Burela para falar sobre o torque de Burela, un colar de 2 kg que levaban os máis importantes da vila. Aprendemos que hai dúas montañas, as Tetas da Vinculeira, e que na zona de Castrelo atoparon unhas termas de orixe romana coñecidas como hipocausto. Nunhas rochas situadas do cabo podemos observar unha pía cadrada, un burato que servía para facer o sacrificio de animais e que tiña un conduto polo que baixaba o sangue.
Como se nos fixo tarde, tivemos que apurar na volta ao instituto e chegamos ás 13:50. Como recompensa polo noso esforzo, Maribel deunos unhas chocolatinas e a directora entregounos unhas entradas para ir ver ao Burela F.S. xogar ese sábado.
FOI UNHA VISITA MOI INTERESANTE!!!!
Podedes acceder ao álbum AQUÍ.
E temos unha novidade: as impresións sobre a ruta nun podcast emitido no programa Proxecto Neo de Radio Burela do mércores 9 de novembro.
Sofía Ben Martínez, 1º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário