Azucre está baseada en feitos reais. Narra a historia de parte dos 1700 galegos que se embarcaron nunha viaxe a Cuba para gañar a vida traballando nos campos de caña de azucre. En contra do que eles esperaban, acabaron sendo vendidos como escravos.
Bibiana comezou contándonos como lle xurdira a idea de escribir o libro. Comentounos que, antes de poñerse a redactalo, houbo un proceso moi longo. No seu caso, todo comezou cando, estando en Berlín, unha amiga compartiu con ela unha ligazón dun documental de RTVE e uns documentos cos nomes dos galegos que viaxaran a Cuba, xa que pensou que serían do seu interese pois Bibiana escribe en dúas revistas que tratan sobre historia e cultura. A amiga atinou plenamente porque Bibiana se interesou moito polo tema e pareceulle sorprendente que non se soubera nada dun feito histórico de tal relevancia. Así que, púxose a investigar e conseguiu recabar moita máis información coa que redactou e publicou un libro. Pero o obxectivo de Bibiana era dar a coñecer o caso e sabía que desa forma non o conseguiría, polo que se propuxo escribir unha novela.
Para conseguir sensibilizar os lectores, a autora crea uns personaxes de ficción cos que é máis doado empatizar xa que, segundo Bibiana, “las personas no hemos cambiado tanto”, facéndonos ver que poderiamos ter sido calquera de nós aos que nos tocase vivir esa situación e a reacción sería moi similar. A autora recorda perfectamente o seu avó e os veciños da aldea que estaban nunhas circuntancias moi parecidas ás dos galegos antes de marchar e cre que se nacesen anos antes serían candidatos perfectos a esa viaxe á escravitude.
Tamén nos falou das circunstancias que propiciaron este feito, tanto en Cuba como en Galicia. Contounos que Cuba, naquel momento, temía que se revolucionasen os escravos negros, ao igual que en Haití, pois eran moitos en número se se comparaban coa poboación branca. Ademais, precisaban escravos para traballar o azucre. Mentres, Galicia acababa de pasar un inverno moi frío, que acabou con todas as colleitas, e un andazo de cólera, polo que se necesitaba traballar fóra para paliar a fame e a pobreza. Neste escenario, o deputado Urbano Feijóo Sotomaior decide levar galegos a Cuba como traballadores libres, pide permiso á raíña Isabel II e contrata sete barcos. Cando os galegos chegan ao lugar de traballo, atópanse con dous problemas: por un lado, cústalles moitísimo adaptarse ao clima cubano e traballar nesas condicións e, por outro lado, tanto as estruturas como o persoal que se atoparon alí estaban acostumados aos escravos, polo que os galegos eran tratados como se o fosen.
O escándalo chegou ata os oídos dos emigrados en Nova York e estes decidiron escribir cartas a Madrid para que os axudasen. Celébrase un debate sobre a escravización e disólvese a empresa de Feijóo Sotomaior. Os galegos que sobreviviron quedaron libres e déuselles a opción de volver ás súas casas.
A raíz de todo isto, Bibiana opina que este acontecemento non quedou na memoria popular xa que supuña unha gran vergoña voltar de América sen ter conseguido nada.
Despois de contarnos todo isto e responder as nosas preguntas, dedicounos os nosos exemplares do libro. Foi unha mágoa que non houbese máis tempo para poder facerlle máis preguntas.
Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.
Gabriela Pedre Lastra e Ramón Leal González
Sem comentários:
Enviar um comentário