O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.
A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.
Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.
De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos.
Para representar a cantidade de azucre que teñen os alimentos que consumimos habitualmente amosáronnos un taboleiro onde colocaron os envoltorios de cada un dos produtos xunto cunhas bolsas onde estaba a cantidade de azucre correspondente a 100 gramos do alimento en cuestión. Sorprendeume que alimentos tan comúns coma o Cola Cao, que moitos dos meus compañeiros e compañeiras declararon consumir para almorzar, puidesen conter tanto azucre.
A segunda metade da presentación tratou sobre os diferentes trastornos alimentarios. Falaron de algúns coma a vigorexia, a anorexia, a bulimia, a obesidade ou o sobrepeso e explicaron as diferenzas entre eles. Despois de recibir información sobre todas elas, eu destacaría o rol que teñen as redes sociais e a publicidade como causas de moitos dos trastornos. No que atinxe á obesidade e ao sobrepeso, falaron do IMC (índice de masa corporal), que serve para clasificar o tipo de obesidade segundo o resultado dunha operación matemática.
Pareceume interesante a mención ás diferentes aplicacións que existen hoxe en día para coñecer o valor nutricional dos produtos dun supermercado, pois eu descoñecía que puidesen chegar a xerar adicción nos seus usuarios e, moito menos, a afectarlles aos seus hábitos alimentarios. A parte referente ás dietas milagre foi moi interesante, pois a pesar de oír falar delas nunca fora consciente das consecuencias que poden traer a quen as realiza.
Como conclusión, pareceume unha actividade moi interesante pero, sobre todo, diferente. Hoxe en día as conferencias sobre nutrición son habituais á miña idade, e adoitan dicir o mesmo cunhas ou outras palabras. Como en tantas outras cousas, a xente non dá datos reais, e iso quítalles veracidade. Non obstante, nesta actividade achegáronse datos obxectivos, ademais doutros aspectos importantes coma as causas e as consecuencias dos diversos trastornos. En definitiva, foi unha experiencia que creo que nos axudou a concienciarnos sobre a relevancia que ten, a curto e longo prazo, unha alimentación sa.
Podes acceder ás fotos AQUÍ.
Ana Lestao Ben - 3º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário