Diante do Obelisco, situado na rúa do Cantón Grande, explicáronnos que foi construído no ano 1894 e que se converteu nun dos grandes puntos de encontro da Coruña. Alí mesmo visualizamos as galerías acristaladas das fachadas de estilo modernista construídas pola burguesía enriquecida durante o século XIX. Entre os Cantóns e o Porto, visitamos os Xardíns de Méndez Núñez, os máis antigos da cidade, tamén da mesma etapa. A través da Praza de Pontevedra, chegamos á Praia de Riazor, onde nos sorprendeu a explicación das dunas artificiais: cando fai mal tempo no mar, evitan que as ondas alcancen o paseo marítimo.
No Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) fomos recibidos por Raquel, unha das guías, que nos acompañou e ofreceu explicacións durante todo o percorrido. Para facermos as actividades, dividíronnos en seis grupos. Primeiro explicáronnos as partes e o funcionamento dun avión (características do motor, reacción química e combustión, consumo de combustible, estrutura das ás, pitoto automático...) e por último visitamos o seu interior.
Despois da comida, fixemos a visita á Torre de Hércules, o símbolo da cidade. Contáronnos que foi construída polo romanos no s. I d. C., que se considera unha torre-faro (o máis antigo do mundo, aínda en funcionamento), que para subir ao máis alto hai 242 escaleiras e que ten como función orientar os barcos que entran e saen do porto. Segundo a lenda, Hércules loitou contra Xerión, cortou e enterrou a súa cabeza e mandou construír encima dese lugar unha torre.
Antes de regresar para Burela, deixáronnos tempo libre. Despois da intensa xornada, chegamos á casa ás oito da tarde.
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Lucas Basanta Casas - 1º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário