A práctica que vos propoñemos hoxe inclúese dentro da actividade física e é un baño de bosque ou Shinrin Yoku (ten a súa orixe en Xapón).
Un baño de bosque é un paseo por un bosque que se explora lentamente cos cinco sentidos. Non é un paseo cos amigos nin un pícnic. Tampouco é imprescindible un bosque, pode ser un espazo aberto natural.
O requisito fundamental é deixar a un lado as présas. Non hai que percorrer unha distancia determinada nin facer un esforzo físico determinado. Nun baño de bosque pode levarnos ata catro horas percorrer un quilómetro e medio. O importante non son os quilómetros camiñados, senón o xeito de facelo.
Pasos a seguir:
- Elixe un bosque, unha praia ou calquera espazo aberto natural e pon os cinco sentidos no que estás facendo.
- Camiña sen présas
- Pon atención nos sons que xorden
- Pon atención nas cores que percibes
- Enche os teus pulmóns de aire puro
- Toca as árbores, plantas, a area, etc…para desfrutar do seu tacto
Unha vez terminado o paseo, reflexiona sobre o que sentiches mentres camiñabas: como estaba o teu corpo? como estaba a túa mente? chea de pensamentos? ou, polo contrario, estaba tranquila?
Unha vez percibidos os beneficios, dámosche tamén unha información científica: estes paseos de bosque foron estudados na Universidade de Chiba (Xapón) e as conclusións ás que se chegou tras probar estes tranquilos paseos en 600 persoas foron que, nas persoas que se someteron a baños de bosque, a hormona cortisol (a hormona do estrés) diminuíu un 12,4 %, ao igual que a presión arterial, que baixou de media un 1,4 %.
Sem comentários:
Enviar um comentário