Este recoñecemento premia a constancia de Bernardo á hora de traballar nun ensino inclusivo a través do Modelo Burela, que cumpre xa 20 anos. Esta é unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. As primeiras actividades, ponte entre a escola e o conxunto da cidadanía, consistiron na recompilación e estudo de escritos do ámbito familiar (convites, recordatorios, lápidas…), das comunicacións comerciais e empresariais, da xestión de comunidades de vivendas e das actuacións xurídicas e notariais. A realización de xornadas de animación á lectura e a promoción do diálogo intercultural a través de intercambios educativos completouse coa posta en práctica dunha escola de comunicación a través da radio, coa emisión de dous programas semanais: Proxecto Neo e Grandes Vozes.
Proxecto Neo é o noso programa de radio escolar. Nel trátase de incorporar á cultura galega a persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua. Desde o mes de xaneiro de 2012 dá a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso. Emítese en Radio Burela os mércores pola tarde, está realizado por alumnado do centro coa coordinación de Bernardo e a colaboración de profesorado do IES Perdouro. Está preto de chegar aos 400 programas.
No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha acción educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais, deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social.
Moitos parabéns, Bernardo!
Pódese acceder a outras imaxe do acto AQUÍ.
Sem comentários:
Enviar um comentário