Barra de menú

5.3.24

Teatro clásico en Lugo

O mércores 28 de febreiro, o alumnado de Cultura Clásica e Latín de 3º e 4º ESO e o de Literatura Universal de 1º de BAC viaxou ata Lugo para asistir á representación de dúas obras de teatro clásico grecolatino.

Nada máis chegar a Lugo, realizaron unha visita a Porta Miñá, unha sala de exposicións do Lugo da época romana. Nesta sala, tiveron unha visita guiada durante a cal lles explicaron a orixe da muralla e da cidade de Lucus Augusti. Na exposición, atopáronse con recreacións da antiga cidade, reliquias da época, como pezas de cerámica e máscaras antigas, e viron un audiovisual sobre a xestación da citada cidade.

Posteriormente, os alumnos deron un breve paseo pola muralla, gozando das fermosas vistas de Lugo e mergullándose na cultura romana da cidade.

A primeira representación que os agardaba non tardou en chegar e marcharon para o Auditorio Gustavo Freire. A obra non era outra que "Medea", a coñecida traxedia grega de Eurípides. Esta foi interpretada polo famoso grupo teatral "Noite Bohemia", formado por alumnos dun IES de Coruña e xa coñecidos en Europa.

Despois de gozar da espléndida obra, o alumnado marchou para almorzar e desfrutar dun pouco de tempo libre.

Pola tarde regresaron ao Auditorio onde gozarían da representación de "Anfitrión", do autor latino Plauto, interpretada polo mesmo elenco de actores. Esta obra tiña unha temática totalmente oposta á anterior, xa que se trataba dunha comedia. É importante destacar a innovación de actualizar o humor da obra clásica cara a un humor máis moderno, o que provocou que o alumnado non puidera evitar amosar os seus mellores risos.

Desta forma, e con marabillosos recordos, o grupo regresou a Burela.

Para ver máis fotos prema aquí.

Lucas Casal - 1º Bacharelato A

Sem comentários:

Enviar um comentário