Após o suceso da celebración do I Dia
da Literatura Cabo-Verdiana, desde a iniciativa educativa Modelo Burela
queríamos continuar a pór o foco na inclusión social das diferentes
comunidades migrantes, por iso decidimos dar continuidade a este tipo de
encontros, onde a literatura volveu a converterse nunha ferramenta
fantástica para traballar millares de competencias e saberes e, ao mesmo
tempo, para coñecer mellor as culturas coas que convivimos no noso día a
día.
Así, comezamos o II Día da Literatura Cabo-Verdiana, coa intervención de
Issac Sosa, alumno de 4º ESO, Carmela López, alcaldesa de Burela,
seguida de Joaquim Arena, autor do romance que este ano nos reuniu na
biblioteca do Perdouro, inmediatamente despois tiramos a fotografía de
familia.
Por volta das 11h30 demos inicio ás sesións de lectura onde ouvimos o
portugués nalgúns dos seus sotaques, obviamente tamén no sotaque galego.
Entre as 13h e as 14h realizaron as súas lecturas o artista Nuno Pico
(Grande Amore), Conchi Pernas e o persoal de atención ás migracións; e
finalizou a sesión o escritor Lionel Rexes.
Durante a hora e media reservada para o xantar de irmandade, celebrado no café da propia escola, foron proxectadas as lecturas gravadas en vídeo por profesorado e alumnado de diferentes escolas da Galiza onde se imparte a materia de portugués.
O programa da tarde deu comezo ás 15h30. Xunto cos representantes das asociacións culturais de Burela, participaron Alfredo Llano, Luzia Oca, Ramón Reimunde ou representantes da USC, tal como Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía ou Felisa Prado profesora de literaturas africanas na USC. Contamos tamén coa presencia do Director da Rádio Comercial de Cabo Verde.
Finalmente por volta das 18h30 chegamos á clausura da xornada coa participación de María J. Pardiñas, directora do IES Perdouro, Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas e Mario Pillado, tenente da alcaldía e concelleiro responsable das áreas de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación.
Foi fantástico verificar o entusiasmo e compromiso das preto de 150 persoas que foron pasando pola biblioteca, quer presencialmente quer por medios telemáticos, para daren voz ás páxinas do romance Siríaco e Mr. Charles xunto co seu autor, Joaquim Arena cuxa colaboración e dedicación foi algo único. Un modelo de boas prácticas na comunicación entre artista e público.
Pódese acceder ao álbum de fotos AQUÍ.
Mais sobre Siríaco e Mister Charles
Sem comentários:
Enviar um comentário