Barra de menú

15.1.24

Charla sobre o cambio climático

O venres 12 de xaneiro o alumnado de 1º de Bacharelato asistimos a unha charla sobre o cambio climático impartida por un profesor de Física da USC. Ao comezo da charla xa nos anunciou que é moi importante contrarrestar o cambio climático xa que estamos moi preto de perder o planeta se seguimos como ata agora. E isto afectaranos a todos independentemente do poder adquisitivo de cada un ou da localización xeográfica. A predición anúncianos que en 2050 a metade da poboación mundial se verá forzada a buscar un novo lugar de residencia a causa das extremas condicións meteorolóxicas ás que chegaremos. 
No seguinte apartado desta exposición comentounos a cantidade de CO2 que hai no aire. En 1993 os científicos crían que, se acadásemos os niveis de CO2 que hai actualmente no aire, a vida na Terra sería imposible para unha gran parte da poboación; porén, estas predicións eran erróneas. Aínda así, nos últimos trinta anos a cantidade de CO2 no aire aumentou nun vinte por cento e estámonos achegando á fina liña vermella que separa a respirabilidade do aire da non respirabilidade. Unha das razóns que se lles recriminaban aos científicos e expertos é a pouca credibilidade das súas predicións. E un dos argumentos usados para isto é a incapacidade para predicir o tempo meteorolóxico que vai haber nos próximos días e si o clima que haberá na Terra dentro de centos de anos. Isto é perfectamente contrargumentado, segundo o orador desta charla, co feito de que é moito máis sinxelo predicir o clima ca o tempo meteorolóxico para un determinado día, xa que as variables son moito menos irregulares e os datos son contrastables cos de hai centos de millóns de anos. 
Un dos problemas da actuación fronte ao cambio climático é a subestimación deste por parte de certos sectores da política internacional. Moitas veces os datos poden ser enganosos se non afondas na pescuda destes e un exemplo disto é a indiferenza que mostra moita xente ao oír que a temperatura na súa zona pode subir tres graos centígrados. As variacións dun par de graos na nosa zona poden ser noutra zona do mundo maiores, destruíndo así gran cantidade de ecosistemas e de paisaxes naturais. Isto tamén pode desencadear pragas, mobilización das estacións ou condicións meteorolóxicas extremas de xeito máis frecuente. 
Outra afirmación na que se basean moitos políticos é que o cambio climático está a esaxerarse ou que non é máis que unha casualidade do clima, aínda que hoxe en día hai datos para demostrar que non é unha casualidade senón unha tendencia. Datos que avalan isto seríannos amosados durante a exposición, destacando que os últimos estudos afirman que ao cincuenta por cento da poboación mundial só lle queda de vida ata 2035. 
En conclusión, esta charla serviu para concienciarnos de que, tendo un mínimo de responsabilidade, este é un problema que facilmente che pode quitar o sono xa que non se está vendo unha resposta suficientemente forte por parte da sociedade cara a el, ademais de que nos estamos achegando á delgada liña vermella que separa a humanidade da súa desaparición. 
 
Para ver máis fotos preme aquí.
 
Anxo Díaz, 1º Bacharelato B

Sem comentários:

Enviar um comentário