Barra de menú

1.2.24

Eco-auditoría do lixo do IES Perdouro

O día 25 de xaneiro os alumnos e alumnas de 3º de ESO e 4º ESO tivemos unha charla sobre o medio ambiente que nos viñeron impartir dende a Universidade da Coruña.  

As relatoras comezaron explicándonos que había unha serie de accións básicas coas que poderiamos mellorar o medio ambiente, por exemplo: non empregar tanta auga nin enerxía, facer hortas urbanas, prestar bicis para utilizar menos medios de transporte contaminantes…  

A continuación, explicáronnos a xestión de residuos, xa que cada vez temos máis escaseza de materias primas como, por exemplo, de petróleo, e tamén que de media por persoa ao día se tira 1,2 kg de lixo e que cada vez esa cifra aumenta máis. Despois diso explicáronnos o tipo de colectores que existen: o xenérico, que é de cor verde escura; o de papel, azul; o de plástico, que é amarelo; o de vidro, dunha cor verde máis clara e, por último, o marrón. Este é un colector novo, que é para a materia orgánica. Tamén nos contou que hai outros medios de desfacerse dos produtos utilizados como pode ser a incineradora, que non é a mellor opción xa que expulsa uns gases prexudiciais para o ambiente.  

Outra cousa da que nos falou é de que todos e todas nas nosas vidas deberiamos facer compostaxe para favorecer o ciclo da materia e así ir recuperando os produtos, xa que ata agora só temos un 8% de economía circular no planeta. A compostaxe dános distintos beneficios: pechar o ciclo da materia, obter fertilizantes, ser xestores dos nosos residuos e tamén diminuír o gasto de tratamento dos residuos.  

Por último, nesta charla tamén tivemos unha parte práctica. Trouxéronnos unhas bolsas de lixo do noso instituto do día anterior para facer unha eco-auditoría, que consiste en clasificar os distintos residuos segundo o colector ao que deban de ir e analizar as conclusións. Para isto, necesitamos bolsas cheas de residuos, luvas que se son reutilizables (moito mellores para o medio ambiente); unhas caixas de plástico ou de papel para separar todos os residuos e unha báscula para saber que material consumimos máis.  

Ata aquí chega a nosa crónica e como conclusión dicirvos que todos deberiades animarvos a reciclar para vivir nun mundo mellor. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Antía González Quelle - 3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário