Barra de menú

11.11.24

Apúntate ao obradoiro de decoración de Nadal con arxila!

Os mércores 20 e 27 de novembro e 4 de decembro no recreo e na aula de Plástica, a 402, poderedes participar nun obradoiro de decoración de Nadal para elaborar adornos con arxila.

Só hai 20 prazas. Anótate na folla de inscrición colocada na columna da entrada do edificio 1 antes do venres 15 de novembro. 

Andrea, a profesora de Educación Plástica será a encargada de impartilo. Ela informarate se tes calquera dúbida. 

O alumnado de 1º ESO non pode anotarse neste obradoiro porque xa vai elaborar os adornos na propia hora de Plástica. 

10.11.24

Novembro: mes da ciencia en galego

Durante novembro, celebramos o Mes da ciencia en galego. Xa inscribimos o centro para poder conectarnos ás videoconferencias de Igaciencia que terán lugar os martes 12, 19 e 26 de novembro ás 12:00h. Esta é a información de cada unha das videoconferencias deste ano, que versarán sobre Astronomía. 

O profesorado interesado ten a continuación os enlaces para as videoconferencias co seu alumnado: 

Se queredes participar realizando algunha pregunta, tedes tamén a continuación o enlace para subscribirvos á canle de Youtube de Igaciencia. Se non vos subscribides, non poderedes facer preguntas. Ademais, debe subscribirse un docente que transmita as preguntas do alumnado, non o alumnado. O profesorado é quen debe controlar o chat, non deixar ao alumnado escribir nel. 

A duración de cada conferencia estímase entre 1h mínimo e 1:30 h máximo, dependendo do número de preguntas que fagan os asistentes a través do chat. Polo tanto, se tedes a clase das 12:00h ou estades interesados nalgunha das videoconferencias completas, avisádeme e así podemos falar co profesorado da hora seguinte para intercambiar as clases ou pedirlle se o alumnado pode participar na videoconferencia na súa hora de clase. 

Todas as relatoras e relatores son moi interesantes. Aquí tedes información sobre eles e sobre a temática da súa correspondente videoconferencia: 

Augusto Pérez Alberti, Catedrático de Xeografía Física Ad Honorem (USC). Investigador independente. Día 12 de novembro ás  12h.

Título: "O cambiante planeta Terra" Resumo: Escoitando ou lendo os medios de comunicación dá a impresión de que o clima comezou a mudar vai uns anos. Semella que as temperaturas, precipitacións ou os ventos sempre foron os mesmos; que vivíamos nun escenario estático e eterno no que nunca mudaba nada; que cada día chovía uns mm ou non; que a temperatura non pasaba dunha cifra exacta nin que, a consecuencia diso, os ríos e o mar sempre tiñan o mesmo nivel.
Pois non, o clima mudou sempre e seguirá a mudar. Máis alá do que pensen uns ou outros, o clima é cambio, mudanza. Outra cousa é que o impacto humano, moito mais recente que o Planeta Terra, adquirira nos derradeiros séculos un papel fundamental nas mudanzas climáticas; esa é outra historia.
Mais, a cantidade de auga que hai no planeta non mudou; nin temos unha billa pola que entra auga e unha tubaxe pola que saia. Non. A cantidade de auga existente sempre é a mesma: o que muda é o seu estado. Unha vez está convertida en xeo, e os glaciares dominan o planeta; outra en auga líquida e sube o nivel do mar.
Ao longo da charla voume centrar en falar das mudanzas das que temos constancia ao longo do tempo xeolóxico; no Cenozoico, Cuaternario e no Holoceno e das pegadas que se poden ollar hoxe en día en Galicia.

Begoña Vila Costas, Dra en Astrofísica, Enxeñeira Xefe de Sistemas no centro da NASA GSFC, segundo o Faro de Vigo "A muller que ilumina o Universo" Título “O Universo e a exploración espacial”.  Día 19 de novembro ás 12 h.

Un breve resumo: A observación do Universo avanzou moito desde as primeiras observacións co telescopio de Galileo Galilei. Agora sabemos doutras galaxias, outras estrelas e outros planetas arredor delas pero aínda temos un montón que non sabemos: como se formaron as primeiras galaxias e estrelas e como evolucionaron para formar aquela na que vivimos?; como se formou un planeta como o noso e pode haber outro con auga e vida?; que pode ser a materia escura e a enerxía escura? Os novos telescopios espaciais como o James Webb, o Nancy Grace Roman e o Telescopio de Mundos Habitables e outros que exploran o noso Sistema solar buscan os datos que nos poden axudar a atopar as respostas.

Begoña é a James Webb Space Telescope Fine Guidance Sensor Systems Lead e a Nancy Grace Roman Space Telescope Systems Engineer

 Ana María Ulla Miguel, catedrática de Astrofísica da UVigo, Dia 26 de Novembro ás 12h. "Non hai estrelas sen noite escura"

Resumo: O ceo é a nosa ventá ao universo, e a todo o coñecemento que da súa observación pódese derivar. De día, o Sol permítenos facer astronomía diúrna, e de noite as estrelas, galaxias, planetas e restantes corpos celestes achégannos aos confíns do universo mesmo. Nesta charla repasaremos algúns avances recentes en astronomía e astrofísica, no contexto adverso que a contaminación luminosa supón, tanto para a observación astronómica como para a saúde e o medio ambiente.

5.11.24

Participamos na IVª edición do concurso "Ciberseguridade no cole!"

O pasado 15 de outubro os grupos de 1º e 2º da ESO participamos nunha actividade, a cuarta edición do concurso“ Ciberseguridade no cole”.

Dende o punto de vista da nosa clase, 2º ESO B, foi unha actividade amena e educativa, que nos fixo pasar un tempo divertido traballando en equipo. No concurso participaron máis de 150 institutos e colexios de diferentes localidades. Esta actividade consistía en facer un kahoot entre toda a clase, e nel había preguntas como: Que deberías facer se alguén che pide o teu enderezo? 

A nosa clase quedou no posto 81, aínda que unha das clases de 1º quedou no 19, facendo así un gran traballo. 

En xeral, pasámolo ben e aprendemos moito. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Iago Balseiro Parga - 2º ESO B

4.11.24

Día da Saúde Mental 2024

O alumnado de 3º ESO de Educación en Valores Cívicos e Éticos preparou un vídeo para conmemorar o Día da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Coa axuda da súa profesora Lara Oliveros dannos algúns consellos para coidar o noso benestar emocional.