Barra de menú
26.5.25
Visita á Ribeira Sacra e Portomarín
19.5.25
Lectura e familias: Que consomen os adolescentes?
Agardámosvos na biblioteca o xoves 22 de maio de 18:00 a 19:30h.
Letras galegas 2025: As cantareiras
No ano 2025 o Día das Letras galegas está dedicado a sete mulleres que souberon manter a tradición da nosa música popular para que chegara ata os nosos días.
O alumnado de 1º de ESO de Proxecto Competencial e de 4º ESO PDC elaborou unha exposición de carteis para dar a coñecer a figura das cantareiras e o legado que herdamos delas.
15.5.25
Graduación de 2º de Bacharelato 2025
O noso alumnado de 2º de Bacharelato remata a súa etapa de Educación Secundaria. Para moitos deles foron seis anos nas aulas do IES Perdouro. Non lles tocou unha etapa fácil. Foi xusto en 1º de ESO cando tiveron que quedar nas casas por mor da pandemia, mais souberon afrontar as adversidades co mellor dos sorrisos como vimos onte no vídeo preparado por Miguel, profesor seu de Xeografía e Historia.
Onte celebraron a súa graduación nunha cea agradable na que algúns abriron a cápsula do tempo que a súa titora, Yolanda, preparou en 1º de ESO. Despois celebrámolo con música e conversas e a longa e feliz xornada rematou pola mañá ás portas do instituto.
Aínda non imos ver estes días ata que chegue a PAU, pero que saibades que esas portas sempre seguirán abertas para vós, para que veñades contarnos como vos vai e que, pouco a pouco, ides cumprindo os vosos soños.
Moitos parabéns por rematar esta etapa e moita sorte para o futuro!
AQUÍ tedes algunhas imaxes da xornada de onte.
12.5.25
Viaxe a Londres
Ao saír do hotel dirixímonos cara á estación de metro para ir ata Covent Garden, onde desfrutamos dun tempo libre para somerxernos polo Apple Market. A continuación, puxemos rumbo a Picadilly Circus, intersección de rúas icónica na capital británica, pasando por Chinatown, onde conseguimos deixar de lado a Toni entre a multitude. Por último, fomos ata Trafalgar Square, quedando marabillados coa típica foto do Big Ben que se asoma detrás dos leóns, e Leicester Square, lugar onde ceamos todos os días e realizamos visitas express ás grandes tendas de Lego e M&Ms. Ao rematar, dirixímonos cara ao hotel para dar este día por acabado.
No segundo día, a primeira parada foi o British Museum, onde puidemos observar grandes reliquias de diversas civilizacións históricas, destacando a exipcia e a grega. Máis tarde, dirixímonos á City de Londres, distrito financeiro e corazón da cidade, onde vimos o Banco de Inglaterra, o Ledenhall Market e the Monument, cuxa función é conmemorar o gran incendio do século XVII. A continuación, dirixímonos cara a Tower Bridge, onde tamén puidemos observar a Tower of London. Despois de comer en St Katherine’s Docks, cruzamos a ponte e demos un paseo por South Bank ata chegar a Borough Market, alí tivemos unhas boas vistas do famoso Skyline de Londres e recoñecemos lugares como o City Hall, o Globe Theatre ou a Tate Modern. Logo, cruzamos o Millenium Bridge ata Saint Paul's Cathedral. Despois de observala, collemos o metro ata King Cross Station, onde vimos o popular andén 9 ¾ de Harry Potter e tamén a St Pancras.
O seguinte día comezámolo nun dos lugares máis alternativos de Londres, o Camdem Market, no cal tivemos tempo libre para observar todas as tendas e decoracións tan orixinais. A seguinte parada serían os Kensington Gardens, co Kensington Palace de por medio, e o Albert Memorial e o Royal Albert Hall, momento no cal tivemos a sorte de ver unha homenaxe aos oitenta anos do discurso de Winston Churchill anunciando o final da II Guerra Mundial con avións de guerra. A continuación, dirixímonos ata o Natural History Museum e máis tarde a Harrods, inmensos e luxosos almacéns nos que non fomos capaces de atopar moitos produtos ao noso alcance. Por último, fomos a Hyde Park, onde vimos o seu espectacular lago cos fermosos cisnes e tamén onde pasamos un momento moi divertido xogando a xogos tradicionais ao aire libre. Cando rematamos de pasear polo parque collemos un dos famosos buses ata Picadilly, o Double Decker de dous pisos. Ceamos e volvemos ao hotel para rematar ese intenso día.
No noso último día por Londres, as primeiras paradas serían Trafalgar Square e o Buckingham Palace. Máis tarde, dirixímonos ata St James Park, onde descansamos para despois dar un paseo ata a Westminster Abbey e o Big Ben. Ao rematar de apreciar estes asombrosos monumentos, cruzamos o Westminster Bridge, contemplamos as Houses of Parliament e comemos nos Jubilee Gardens, onde esperamos o momento de subir ao London Eye, dende onde teriamos unhas espectaculares vistas sobre a cidade, especialmente do Big Ben e do Palacio de Westminster. Máis cara á noite, visitamos a famosa tenda de xoguetes Hamley’s, en Regent Street, onde vimos espectáculos de todo tipo. Dende alí, marchamos cara a Carnaby Street e logo a Oxford Street, onde tivemos tempo libre para explorar as diferentes tendas. Por último, collemos o bus, ceamos e fomos cara ao hotel nun ambiente que xa soaba a despedida.
O quinto día sería o momento de despedirnos totalmente de Londres, pois nada máis espertar marchamos cara ao aeroporto de Gatwick para coller o noso voo de volta a Santiago, lugar onde nos esperaba o bus para chegar a Burela e, finalmente, dar por rematada esta gran aventura.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Ángel Blanco e Antía González - 4º ESO A
6.5.25
Concursos AC Os Matos 2025
Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°31.
3.5.25
Orgullo galego: O galego nas redes sociais
Algo que nos gusta moito, e que agora podemos facer, é ler, oír música en galego en calquera lado, pois temos uns grandes músicos no noso país. Coñécenos en todo o mundo a través das redes sociais, como, por exemplo, a música folk que tan ben fai Treixadura, as Tanxugueiras ou o gran gaiteiro Carlos Núñez. Podemos escoitar tamén debates ou un partido de fútbol, así como algunha película.
Borxa, de Orgullo Galego, contounos cousas moi interesantes que nós descoñeciamos: que a Galipedia en galego naceu no 2003 ou que no 2006 no Facebook xurdiu a forma de escribir no noso idioma. Soubemos que en Francia se fai un estudo cada cinco anos sobre o uso das linguas en Internet e, no 2023, o galego aparece no posto 37 no Twitch. E, a nivel europeo, o galego está no posto 170 por número de falantes por territorio.
Orgullosos de ser Galegos/as.
Irene Rivas Iglesias - 3º ESO B
Borxa González, de Orgullo Galego, foinos preguntando canto tempo empregabamos as redes sociais no noso día a día, o tempo que perdemos nelas e cales tiñamos. Despois, explicounos pouco a pouco a importancia que tiña o galego a nivel de Galicia e a nivel mundial e tamén nos ensinou varios vídeos de xente coñecida usando o galego nas súas redes e, finalmente, ensinounos as súas canles e o que facía nelas.
A miña opinión persoal é que me gustou bastante ter esta conferencia porque, aos poucos, vou apreciando máis o galego.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Noel Cayón Meitín - 3º ESO B