26.5.25

Visita á Ribeira Sacra e Portomarín

O día 14 de maio o alumnado de Relixión e Francés de 4º ESO e 1º de Bacharelato fixemos unha viaxe á Ribeira Sacra, onde visitamos o Canón do Sil, Monforte e Portomarín. 

O día comezou cunha longa viaxe ata o Canón do Sil. Alí collemos un catamarán que nos amosou as fermosas paisaxes que rodean o río. A metade norte do río pertence á provincia de Lugo, mentres que a sur está en Ourense e teñen varias diferenzas, como nos explicou a guía do barco. Na metade de Lugo aínda se seguen cultivando uvas para facer viño, que se soben cuns raís ata a parte superior da ladeira. En cambio, a zona de Ourense xa non está cultivada e a maioría das plantacións foron abandonadas co paso do tempo. 

Ao longo do percorrido puidemos ver unha central hidroeléctrica, unhas rochas con formas que intentamos adiviñar e unhas casas rodeadas de árbores cun significado, xa que antigamente os cipreses indicaban que nesa casa se ofrecía comida, bebida e hospedaxe, dependendo do número de árbores. 

Cando rematou o percorrido volvemos ao bus para dirixirnos a Monforte. Alí subimos ao alto do monte, onde está o Parador, para comer. Unha vez rematada a comida, distribuímonos en grupos para comezar un xogo de preguntas por toda a vila. Nel, tiñamos que percorrer as rúas e buscar a información que se nos pedía para completar a folla. Ademais, debiamos sacar unha foto onde conseguiamos a información, como en carteis informativos ou coa xente á que lle preguntabamos. Ao final de todo tiñamos que montar un vídeo coas fotos de todo o día. 

Esta viaxe foi incrible xa que coñecemos unha parte moi famosa da nosa provincia e aprendemos que ás veces non fai falta desprazarse moito para ver sitios fermosos, senón que todo é cuestión de aprender a valorar o que temos preto. Ademais, desfrutamos dunha agradable tarde realizando o xogo. 

Ana Lestao Ben - 1º Bacharelato B

Ese mesmo día o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato que estuda Francés e Relixión visitou Portomarín, unha pequena vila chea de historia por onde pasa o Camiño de Santiago Francés. 

A actividade tivo lugar pola tarde e comezou cun xogo de pistas explicado pola nosa profesora de Relixión, Begoña. O alumnado dividiuse en grupos e recibiu as instrucións para participar no xogo, no cal percorrerían os lugares máis importantes do vila. 

Esta actividade consistía en completar unha serie de preguntas que se podían contestar empregando diferentes recursos: falando con peregrinos que se encontraban facendo o Camiño, lendo carteis colocados polas prazas… Unha vez rematada a actividade, cada grupo debía montar un vídeo con todo o material recompilado e enviárllelo ás profesoras, quen máis tarde seleccionarían os gañadores. 

Foi un mércores moi divertido e distinto, cheo de aprendizaxe fóra do instituto e que fortaleceu o traballo en equipo.

Accede ao albúm de fotos AQUÍ.
Claudia Romo Leivas - 4º ESO A
 

 

19.5.25

Lectura e familias: Que consomen os adolescentes?

Maite Lanza Méndez, traballadora social da Unidade de Drogodependencias de Burela, informaranos de cales son os principais consumos na adolescencia na actualidade. Aclararanos as consecuencias de tomar substancias adictivas e, sobre todo, proporcionaranos información de como podemos aconsellar e axudar aos nosos fillos. 

Agardámosvos na biblioteca o xoves 22 de maio de 18:00 a 19:30h. 

15.5.25

Graduación de 2º de Bacharelato 2025

O noso alumnado de 2º de Bacharelato remata a súa etapa de Educación Secundaria. Para moitos deles foron seis anos nas aulas do IES Perdouro. Non lles tocou unha etapa fácil. Foi xusto en 1º de ESO cando tiveron que quedar nas casas por mor da pandemia, mais souberon afrontar as adversidades co mellor dos sorrisos como vimos onte no vídeo preparado por Miguel, profesor seu de Xeografía e Historia. 

Onte celebraron a súa graduación nunha cea agradable na que algúns abriron a cápsula do tempo que a súa titora, Yolanda, preparou en 1º de ESO. Despois celebrámolo con música e conversas e a longa e feliz xornada rematou pola mañá ás portas do instituto. 

Aínda non imos ver estes días ata que chegue a PAU, pero que saibades que esas portas sempre seguirán abertas para vós, para que veñades contarnos como vos vai e que, pouco a pouco, ides cumprindo os vosos soños. 

Moitos parabéns por rematar esta etapa e moita sorte para o futuro!

AQUÍ tedes algunhas imaxes da xornada de onte. 





6.5.25

Concursos AC Os Matos 2025

Este ano celebramos as letras das cantareiras e da poesía popular oral. 

A Asociación Cultural Os Matos convoca os seus certames anuais.
 
O primeiro, o literario  (relato curto e poesía)
Así que como tes imaxinación de sobra, serás quen de crear un relato curto ou unha poesía. Pero pedímosche que incorpores unha copla de entre as seleccionadas polo alumnado de 1º de ESO. Pica aquí para abrir o documento.
 
O segundo, o de imaxe.
Inspirándote dunha destas coplas, fai un debuxo formato A4 horizontal.
 
Tes ata o 26 de maio para participar. 
 
Lembra: en lingua galega.
 
Entregaremos dous premios en cada categoría. Ler bases aquí.

Concurso de Portada da revista escolar Maruxía.

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°31. 

Ollo co formato deste ano: Formato A3 horizontal para facer a contraportada e portada conxuntamente e deberá incluír o texto: Maruxía nº31

 
 
 



3.5.25

Orgullo galego: O galego nas redes sociais

O 24 de abril tivemos unha charla sobre canto usamos o idioma no noso día a día. Unha gran parte dos que alí estabamos usámolo a diario tanto na escola como cos amigos e nas nosas casas, así que cando usamos as redes sociais, este tamén acostuma ser o idioma utilizado. 

Algo que nos gusta moito, e que agora podemos facer, é ler, oír música en galego en calquera lado, pois temos uns grandes músicos no noso país. Coñécenos en todo o mundo a través das redes sociais, como, por exemplo, a música folk que tan ben fai Treixadura, as Tanxugueiras ou o gran gaiteiro Carlos Núñez. Podemos escoitar tamén debates ou un partido de fútbol, así como algunha película. 

Borxa, de Orgullo Galego, contounos cousas moi interesantes que nós descoñeciamos: que a Galipedia en galego naceu no 2003 ou que no 2006 no Facebook xurdiu a forma de escribir no noso idioma. Soubemos que en Francia se fai un estudo cada cinco anos sobre o uso das linguas en Internet e, no 2023, o galego aparece no posto 37 no Twitch. E, a nivel europeo, o galego está no posto 170 por número de falantes por territorio. 

Orgullosos de ser Galegos/as. 

Irene Rivas Iglesias - 3º ESO B

Borxa González, de Orgullo Galego, foinos preguntando canto tempo empregabamos as redes sociais no noso día a día, o tempo que perdemos nelas e cales tiñamos. Despois, explicounos pouco a pouco a importancia que tiña o galego a nivel de Galicia e a nivel mundial e tamén nos ensinou varios vídeos de xente coñecida usando o galego nas súas redes e, finalmente, ensinounos as súas canles e o que facía nelas. 

A miña opinión persoal é que me gustou bastante ter esta conferencia porque, aos poucos, vou apreciando máis o galego. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Noel Cayón Meitín - 3º ESO B

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...