Barra de menú

4.3.13

Proxecto IdA Explorer! - Acollida do grupo de rapaces e rapazas da BBZ - primavera 2013

Por cuarto ano consecutivo, o IES Perdouro de Burela colabora nun proxecto pioneiro europeo de formación coa BBZ – o centro de formación e inserción laboral da localidade alemá de Augsburgo -  na acollida de rapaces e rapazas en centros de traballo da localidade.


Este luns, día 4 de marzo, o director do IES Perdouro, Santiago Pérez, recibiu un grupo de rapaces e rapazas alemáns do programa europeo de mobilidade por intercambio IdA Explorer!. Nesta ocasión son nove os participantes deste proxecto que realizarán as súas prácticas en empresas nos diferentes sectores da economía burelá ata finais deste mes de marzo. Chegaron con moita ilusión de aprender e abrir horizontes profesionais. Logo da acollida e visita no centro educativo, os futuros aprendices foron recibidos no Concello de Burela pola Concelleira de Asuntos Sociais, Diana Durán, nunha pequena recepción de benvida no salón de plenos. Para rematar a xornada, a Vicedirectora, Karina Parga, acompañounos a visitar algún dos puntos de interese de Burela e achegáronse ata a praia das Catedrais declarada monumento natural pola Rede Natura.

Hubertus Freisinger, coordinador alemán do proxecto IdA, aproveitou para  mostrar a súa gran satisfacción coa colaboración do IES Perdouro e o seu agradecemento pola boa dispoñibilidade das empresas colaboradoras de Burela. Adianta que os días 13 e 14 de marzo, organízanse na Coruña unhas xornadas transnacionais do programa IdA “Mobilidade de xuventude en situación de desventaxa entre Alemaña e Galicia” na Fundación Paideia.

Karina Parga, Vicedirectora do IES Perdouro e encargada do Proxectos Europeos, explica que este proxecto piloto alemán, IdA EXPLORER!, respaldado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña e financiado polo Fondo Social Europeo, trata de incrementar as oportunidades de estudos da xuventude, e fomentar o intercambio transnacional en Europa, reivindicando a importancia de coñecer outras realidades para desenvolver competencias e habilidades que faciliten unha integración cualificada e duradeira no mercado de traballo. A Vicedirectora sinala que nestes tres anos que leva traballando coa BBZ un total de 65 alemáns realizaron as súas prácticas na localidade de Burela.

Sem comentários:

Enviar um comentário