Barra de menú

18.11.22

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. 
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”. Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que todos vivamos en igualdade. 

Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada un de nós compuxo os seus propios versos. 

Esta actividade foi moi entretida e dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Carla Paz Trelles - 3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário