O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a
visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo
subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo
en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e
Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da
exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”.
Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século
XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na
publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira
durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é
educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que
confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que
todos vivamos en igualdade.
Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos
a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada
un de nós compuxo os seus propios versos.
Esta actividade foi moi entretida e
dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e
coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.
Carla Paz Trelles - 3º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário