Barra de menú

9.1.23

A Digitalweek

Vinte e cinco persoas do alumnado de segundo da ESO realizamos unha excursión a un campamento de inglés situado en Gandarío, preto da Coruña, do seis ao doce de novembro do dous mil vinte e dous. O campamento chámase “Digitalweek”, e para o meu gusto é excelente e totalmente recomendable. 

O primeiro día chegamos sobre as sete e algo. Tivemos a primeira vista das instalacións. Só puidemos ver o patio central. É amplo, cunha fermosa fonte no centro e con bancos e dúas mesas de ping-pong nos arredores. Recibíronnos os monitores, aos que lles entregamos os móbiles e lles dixemos se tiñamos algunha enfermidade ou non. Leváronnos ao noso bloque de habitacións. Alí asignáronnos o noso cuarto e coñecemos ás persoas que se instalaron nel. As persoas coas que nos tocou viven en Cariño. A min tocoume con tres deles e mais cun rapaz do Perdouro. En cada habitación hai oito camas, que son liteiras. Non son moi grandes os cuartos, pero si que son acolledores. Logo de facer a cama, colocar a roupa no armario e falar un pouco cos compañeiros de cuarto, chegaron as oito e media, horario de cea.

Cando acabamos de cear tocábanos actividade nocturna. Case todos os xogos se realizaron na sala de xogos, pero houbo dúas excepcións: o desfile de moda e a discoteca. O casino, caixa de música, película e “indoor challenge” realizáronse na sala de xogos. O desfile de moda estivo moi ben. Por grupos, dábannos unha serie de materiais e tiñamos que disfrazar/vestir o noso compañeiro que nos escollemos. Non gañamos, pero paseino moi ben. A actividade nocturna remataba ás dez e media, hora á que nos iamos deitar. 

As mañás neste campamento non son moi movidas. Érgueste ás oito en punto e tes media hora para despexarte, vestirte e preparar as cousas para o día. Ás oito e media almorzas e logo vas para a túa clase correspondente. 

Antes de continuar, teño que falar do tema das clases. Un día reunímonos todos os participantes da “Digital Week” na sala de xogos para saber a clase que nos tocaba. Nesta clase apréndese a deseñar e imprimir en 3D, a crear unha páxina web, a facer robótica e a xogar a un xogo de estratexia chamado “moon”. As clases constaban de vinte persoas ou algunhas máis. Cada unha tiña persoas de dous centros diferentes. A min tocoume con nove persoas do Perdouro e con dez dun instituto de Lugo. Os nomes das aulas son nomes de persoas importantes. A miña, por exemplo, chamábase Marie Curie, pero a dunha persoa da miña habitación chamábase Graham Bell. A demais de aprender, nas actividades competías contra outras clases. Quen gañaba unha actividade tiña x número de estrelas, e ao final do campamento quen tivera máis gañaba. 

Polas mañás tiñamos clase ata a unha e media, que xantabamos e tiñamos tempo libre ata as tres e media. Podías andar por onde quixeras. As instalacións son xigantes. A parte do patio central que describín, consta de tres pistas de fútbol, dúas de baloncesto e dun inmenso bosque no que podes pasear. Logo do tempo libre, tocaba actividade, que fixemos as seguintes: busca do tesouro, “ghimkana”, caída do ovo, tutti – frutti e o último día unha serie. A actividade que máis me gustou foi a caída do ovo. Consiste en conseguir que o ovo non rompa ao tiralo dun segundo piso grazas aos materiais que che daban. Nós conseguímolo e gañamos dúas estrelas, a pesar de que non fomos os únicos. Paseino xenial na actividade. 

De cinco a cinco e media tiñamos a merenda e, despois, clase ata as sete e media. Ás sete e media recolliamos os móbiles para chamar á casa e tamén nos tiñamos que duchar. Íamos por quendas. Un día duchábanse primeiro os homes e logo as mulleres e ao revés ao día seguinte. Ás oito e media acababa ese trámite e iamos cear. O que vén a continuación xa o expliquei. 

O único día diferente foi o mércores, xa que pola mañá nos trasladamos á Coruña para visitar o Muncyt, que ía sobre avións, ciencia e sobre persoas que foron importantes para a nosa historia. 

A comida que máis me gustou foi, sen lugar a dúbidas, a hamburguesa con patacas. O campamento está xenial; tiven unha experiencia única e inesquecible e non me levei decepción con nada. Recomendo este campamento e volvería cos ollos pechados. 

 Ángel Blanco Santos - 2º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário