O venres 8 de maio o alumnado de 1º Bacharelato tivo a sorte de poder asistir a un encontro literario con Aitana Castaño, unha famosa escritora licenciada en xornalismo orixinaria da cunca mineira de Asturias,
cuxa traxectoria profesional é apaixonante. Escribiu varios libros que acadaron gran recoñecemento,
ademais de colaborar en xornais como La Nueva España ou La Voz de Asturias.
Tras ler a súa última obra Las Madrinas, foi un pracer poder coñecer de onde sacou a inspiración e o
sentido da súa elección de temática e personaxes.
A autora narra como, desde hai anos, a cunca mineira se caracteriza polo traballo na explotación de minerais,
especialmente o seu lugar natal, Langreo, que conta cuns 200 habitantes. A maioría dos homes, mesmo seu
pai e os pais das súas amizades, eran empregados das minas. Era o destino de todos os estudantes tras
rematar a ensinanza obrigatoria. Porén, cando ela estaba cursando o que hoxe é Bacharelato, as minas
comezaron a pechar, polo que deixou de ser o traballo que moitos esperaban. Iso significou unha traxedia
para os residentes da comarca. “Ellos yeren la primera xeneración con un futuru diferente”, asegura con
certa morriña a autora. Agora é posíbel a visita destes pozos públicos, podendo baixar centos de metros ao
interior nunha gaiola e percorrer algunha galería dentro da terra.
Aitana tamén nos falou dos seus comezos na literatura xunto con Afonso, un ilustrador e amigo da
autora dende a xuventude; decidiron que tiñan que preservar o pasado das súas raíces, xa que, como así
di, “la historia que nun s’escribe desaparez ”. Para iso, tiveron varias ideas, dende gravar unha película ata
unha curtametraxe; pero, finalmente, optaron pola redacción e ilustración dun cómic, Los niños de humo.
A charla continuou cunha serie de preguntas por parte do alumnado. Primeiro, tratouse o tema das
mulleres e o seu papel na sociedade. Defendeuno en todo momento e escapou das falsas crenzas, como
que somos malas unhas coas outras; con todo, os homes teñen moito que aprender de nós.
A partir desta
reflexión sobre o papel das mulleres, o alumnado interesouse tamén pola inspiración da protagonista do
libro (Gloria), que resultou provir de que moitas mulleres do pasado quedaban encinta e eran convidadas a
irse do que para elas era o seu fogar. Tamén, dun caso próximo que lle ocorreu ao seu amigo Guillermo.
Aínda que a idea inicial era clara, Gloria tería unha fermosa nena; ao final a autora decatouse de que a
protagonista non merecía ter unha filla que proviña dunha violación.
Continuando co tema do libro, unha compañeira sinalou o porqué de que a protagonista baseara
todas as súas decisións nunha novela de Luisa María Linares. A autora describiunos como antigamente as
mulleres lían imaxinando outra vida, poñendo o exemplo da súa avoa cuxo soño frustrado era ser
enfermeira. Ademais, destacou que as mulleres escritoras tiñan menos lectores porque trataban temas
amorosos. Deunos a entender que a sociedade cambiou.
Outra pregunta en relación co libro foi a elección do destino de Gloria. Segundo explicou, baseouse
nunha excursión e na emigración de moitos españois, destacando que ela tiña unha tía vivindo alí e, para a
súa sorpresa, pola rúa falábase galego e castelán.
Aitana, ademais de tratar temas do libro, deunos as súas ferramentas para ser unha boa escritora:
ter un “lector cero”, que opine sobre o libro, e que este sempre remate felizmente, xa que á xente na vida
real xa lle acontecen bastantes desgrazas.
En canto a unha segunda parte do libro, se cadra estará por chegar. Será unha sorpresa?
Estaremos todos agardando.
Moitas grazas Aitana pola túa visita.
Tedes imaxes do encontro con Aitana AQUÍ.
Carme Alonso e Sofía Rojo - 1º Bacharelato A

Sem comentários:
Enviar um comentário