28.6.24

Revista Maruxía nº 30 - curso 2023-24

Despois da presentación da revista, mostramos algúns dos artigos que podedes ler no seu interior. A temática dos mesmos é moi variada: 

- crónicas de viaxes

- elaboración de chatbots con Intelixencia Artificial para a biblioteca, 

- carteis das Letras Galegas dedicados a Luísa Villalta

- celebración do Día da Enxeñería

- obradoiro de gominolas saudables

- premios para o alumnado

- encontros literarios

- obradoiro de banda deseñada

- Correlingua

- Taller de minerais

- xeorruta con Fran Canosa

- Conferencia dun neurobiólogo sobre o Alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas

Animádevos a botar un vistazo ás súas páxinas

Tamén podedes acceder ao último número no apartado de revista escolar da nosa web. 

21.6.24

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 30

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 30 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Esta mañá, a biblioteca abriu as súas portas para recibir un evento moi esperado: a presentación da revista escolar Maruxía. A alumna de 4º ESO TIC, Iria Jacomé, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a presentación, Alba F. Quelle e Alberto Núñez explicaron como o equipo traballou arreo para sacar adiante a número 30. Ambos destacaron a importancia do traballo en equipo e a colaboración constante para superar os retos que se presentaron ao longo do proceso de elaboración da revista.

A nova edición da Maruxía inclúe unha ampla mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro, reflectindo o talento e a creatividade dos estudantes. Ademais, recóllense os premios do XVII Concurso de Relato Curto e Poesía e do XV Concurso de Imaxe, convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos". Estes certames son unha plataforma importante para fomentar a creatividade e o talento artístico entre os alumnos.

A nova edición da Maruxía é un reflexo fiel do esforzo colectivo e da creatividade dos estudantes do Perdouro.

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Noé Vázquez, coordinador do EDLG. 
 
Felicitamos aos gañadores do concurso de portada de Maruxía: Djessica Tavares Pereira Barbosa (portada) e Álvaro Guisande Rego (traseira).

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada polo compañeiro Fernando Losada, AQUÍ.
 
Revista Maruxía en PDF aquí.

Patrullas informativas sobre reciclaxe e auditoría de residuos

O alumnado de Ciclo Básico de Servizos Administrativos percorreu as aulas, os talleres, os despachos e outras dependencias do centro para informar sobre a utilización das papeleiras e dos distintos colectores instalados no instituto para unha correcta reciclaxe. 

Despois dalgunhas roldas informativas, o mesmo alumnado levou a cabo unha auditoría dos residuos e informou a alumnado, profesorado e persoal non docente de se a reciclaxe fora realizada de xeito adecuado. 

Toda a comunidade educativa mellorou os seus coñecementos sobre a separación e a reciclaxe grazas a estas efectivas "patrullas informativas". 

Parabéns polo voso gran labor!


20.6.24

Actividades de Educación emocional por niveis educativos

Durante este curso leváronse a cabo distintas actividades de Educación emocional que foron propostas para cada curso das distintas etapas educativas. 

A continuación presentámosvos a planificación temporal no cadro. No enlace podedes acceder á explicación de cada actividade. 


 

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "As viaxes":

XVII Concurso literario da As. Cultural Os Matos 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Dani Borrajo Trelles (1º ESO A)
  • 2º premio: Nicolás Amorín Vázquez (1º ESO A)
Categoría 3º e 4º ESO:
  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (2º Bach.B)

POESÍA:

Categoría ESO:

  • 1º premio: Ana Lestao Ben (4ºESO A)

XV Concurso de Imaxe da As. Cultural Os Matos

Categoría ESO:
  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (4ºESO A)

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Djessica Tavares Pereira Barbosa (4ºESO C) 
  • Alvaro Guisande Rego (4ºESO A)

19.6.24

Maruxía nº 30 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia e Natalia Aldegunde remataron estes días de compoñer o número 30 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 21 de xuño ás 11h30.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.

Parabéns a :
- Djessica Tavares Pereira Barbosa, alumna de 4° ESO - portada
- Álvaro Guisande Rego, alumno de 4° ESO - dorso



Gañadores nun dos retos de InnovatechFP 2024


Hoxe, o equipo de alumnado formado por Alicia Cabarcos e Sonia González do Ciclo Medio de Peiteado e cosmética capilar e Raúl Fraga e Alberto Cabana, estudantes do CS de Mecatrónica industrial, acompañados da directora do IES Perdouro María José Pardiñas, de Fernando López, profesor de Mecatrónica, e de Javier Rouco, coordinador do proxecto INNOVATECHFP 23-24 e profesor de Imaxe persoal, viaxamos ao recinto Expourense para recibir o galardón do programa InnovatechFP 23-24 da Consellería de Educación, que nos outorgou o primeiro premio na final celebrada na mañá de hoxe martes 17 de xuño por ter presentado e defendido un proxecto que deu resposta ao reto empresarial que a marca L’Oréal España-Portugal presentou ante 170 centros educativos da FP de Galicia na localidade de Culleredo a finais do ano pasado. 

O reto emprazábanos a traballar en qué facer cos envases de plástico que se desbotan nos salóns de peiteado para transformalos en produtos duradeiros para ser usados nestes mesmos espazos. O equipo que lideramos desde o IES Perdouro de Burela tivemos claro desde o principio que deseñar uns prototipos que permitan triturar os envases cosméticos de plástico e fundilos para logo crear produtos novos, como é o caso de peites que se fabricaron dentro deste proceso con estes mesmos polímeros a través de inxectar o plástico fundido en moldes de fabricación mecánica e tamén a través da creación de filamento plástico para impresión 3D. Co fin de poder darlle vida aos prototipos, o mestre Fernando López e os seus alumnos Raúl e Alberto, crearon desde as aulas-taller de Mecatrónica o deseño e fabricación destes aparellos: unha trituradora e unha inxectora para envases cosméticos de plástico e un molde de fabricación mecánica que dará forma ao produto final: peites elaborados cos residuos plásticos dos envases cosméticos. Mentres se traballou na fabricación, presentamos a idea nunha primeira fase que foi seleccionada xunto con outras dúas grandes propostas presentadas por outros dous centros referentes na Formación Profesional de Galicia: o IES A Guía de Vigo e o CIFP Someso da Coruña. Os tres fomos seleccionados para pasar a unha segunda fase. Unha honra participar xunto con eles. 

Por fin inmerso na fase dúas, o noso alumnado defendeu o proxecto diante do xurado no Centro de Innovación e Emprendemento Eduardo Barreiro de Ourense o pasado xoves. Nesa ocasión, en 5 minutos o equipo de alumnado do Perdouro tivo que presentar os prototipos e o produto final, xustificar e convencer ao xurado e á Empresa L’Oréal da súa viabilidade técnica e económica tratando de explicar o impacto que tería no medio ambiente e no rural. 

Hoxe foi un gran día! O representante da empresa L’Oréal nomeou por fin o equipo gañador do seu reto no recinto feiral de Ourense: “O gañador do reto L’Oréal é o IES PERDOURO de Burela”. Logo de recoller o premio de 10.000 euros que se empregarán no desenvolvemento da idea e a posta en marcha do proxecto empresarial, vemos que queda un bo sabor de traballo en equipo e, por ende, unha porta aberta para seguir defendendo a nosa solución a un nivel máis potente, traballando coa colaboración do equipo técnico de produción da empresa L’Oréal, líder no sector da cosmética, que nos acompañará e asesorará no seguinte proceso: facer do noso proxecto unha realidade. 

Agradecidos estamos de poder traer este premio a Burela e de achegar nun futuro a nosa solución á sociedade, pero ademais hai algo que nos ilusiona especialmente ao equipo: A Formación Profesional no IES Perdouro está ao nivel que as empresas líderes nos demandan, polo que seguiremos traballando arreo para seguir ofrecendo e achegando unha formación punteira ao noso alumnado! 

Grazas a todos cantos fixeron posible a solución a este reto e, en especial, ao noso alumnado que tan ben o soubo defender. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de IMAXE PERSOAL 

Coordinador do PROGRAMA INNOVATECHFP 23-24. IES PERDOURO BURELA

16.6.24

Andaina polo bo trato ás persoas maiores


O venres 14 de xuño o alumnado de 1º ESO participou nunha andaina organizada pola Cruz Vermella co obxectivo de convivir durante unhas horas con persoas maiores. Esta actividade pretende fomentar o bo trato a este colectivo e a maior maneira é coñecelo compartindo con eles unhas horas de paseo, xogos e mesmo de comida. 

Ás 11:30h comezou a andaina que percorreu parte do paseo marítimo de Burela, tempo no que o alumnado puido ir conversando cos seus correspondentes maiores. A partir das 13:00h comezaron os xogos, a música e, finalmente, o picoteo. 

Foi unha actividade divertida e enriquecedora na que a comprensión e a solidariedade entre xoves e maiores estivo moi presente. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

No noso programa de radio Proxecto Neo emitido o 20/06/2024, tamén adiantamos nos primeiros minutos a crónica feita polo alumnado e profesorado grazas o seu profesor Fernando Losada.

Ximnasia emocional con María Navarrete Fa

Do luns 10 de xuño ata o xoves 13, María Navarrete Fa, experta en Educación e Xestión Emocional realizou dúas sesións de obradoiros de Ximnasia emocional co alumnado da ESO. 

A ximnasia emocional é un tipo de adestramento das competencias emocionais (consciencia, regulación e autonomía emocionais, competencias socioemocionais e habilidades para a vida e o benestar). Traballa temas como o crecemento persoal desde unha metodoloxía baseada na participación activa e con recursos como o xogo, a música, o teatro, a reflexión e o debate, a risa, a meditación, a atención plena...

Ela mesma afirma que na frase "Vale máis previr ca curar" entraría a ximnasia emocional, xa que o adestramento espértanos a consciencia emocional e dános ferramentas de regulación que fan que aumente progresivamente a autoestima e a sensación de estás ben e feliz. 

E isto é o que o alumnado da ESO experimentou: procurar ser consciente das súas emocións e coñecer ferramentas para autorregulalas co obxectivo de mellorar a súa autoestima, sentirse mellor e ser máis feliz. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ


13.6.24

Participación do IES Perdouro na iniciativa "Aquí tamén se fala"


O 10 de maio celebrouse o acto final da participación do IES Perdouro na campaña "Aquí tamén se fala". Durante o 2º e o 3º trimestre o alumnado de 3º ESO traballou nesta iniciativa compartindo labor con estudantes de 4º ESO do IES Monte Castelo. 

En primeiro lugar, informáronse sobre esta iniciativa do IES Rafael Dieste da Coruña. Aquí tamén se fala reuniu este curso a máis de 200 centros educativos de toda Galicia para demostrar que o galego se emprega na atención ao público en comercios, institucións etc. 

Nunha primeira fase o alumnado recolleu datos realizando enquisas en numerosos establecementos de Burela. Unha vez analizada esta información, na segunda fase, procedeuse ao reparto de carteis. Para iso, reunímonos cos nosos compañeiros do IES Monte Castelo o venres 10 de maio na praza do Concello, onde nos acompañou a alcaldesa, Carmela López, e o tenente da alcaldesa, Mario Pillado. Tamén estivo representada a ACIA de Burela e o Burela FS, que promocionou a campaña con varios vídeos de xogadoras e xogadores. 

Despois da presentación do acto na praza do Concello e da lectura compartida de alumnado dos dous centros educativos da vila, a rapazada percorreu as rúas entregando os carteis da campaña en establecementos, organismos e institucións. 

A campaña foi un éxito en Burela, porque AQUÍ TAMÉN SE FALA!

Podedes acceder ás imaxes deste día AQUÍ

12.6.24

II Día da Literatura Cabo-Verdiana

Após o suceso da celebración do I Dia da Literatura Cabo-Verdiana, desde a iniciativa educativa Modelo Burela queríamos continuar a pór o foco na inclusión social das diferentes comunidades migrantes, por iso decidimos dar continuidade a este tipo de encontros, onde a literatura volveu a converterse nunha ferramenta fantástica para traballar millares de competencias e saberes e, ao mesmo tempo, para coñecer mellor as culturas coas que convivimos no noso día a día. 

 
Así, comezamos o II Día da Literatura Cabo-Verdiana, coa intervención de Issac Sosa, alumno de 4º ESO, Carmela López, alcaldesa de Burela, seguida de Joaquim Arena, autor do romance que este ano nos reuniu na biblioteca do Perdouro, inmediatamente despois tiramos a fotografía de familia. 
 
 
Por volta das 11h30 demos inicio ás sesións de lectura onde ouvimos o portugués nalgúns dos seus sotaques, obviamente tamén no sotaque galego. Entre as 13h e as 14h realizaron as súas lecturas o artista Nuno Pico (Grande Amore), Conchi Pernas e o persoal de atención ás migracións; e finalizou a sesión o escritor Lionel Rexes. 

Durante a hora e media reservada para o xantar de irmandade, celebrado no café da propia escola, foron proxectadas as lecturas gravadas en vídeo por profesorado e alumnado de diferentes escolas da Galiza onde se imparte a materia de portugués. 

O programa da tarde deu comezo ás 15h30. Xunto cos representantes das asociacións culturais de Burela, participaron Alfredo Llano, Luzia Oca, Ramón Reimunde ou representantes da USC, tal como Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía ou Felisa Prado profesora de literaturas africanas na USC. Contamos tamén coa presencia do Director da Rádio Comercial de Cabo Verde.

Finalmente por volta das 18h30 chegamos á clausura da xornada coa participación de María J. Pardiñas, directora do IES Perdouro, Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas e Mario Pillado, tenente da alcaldía e concelleiro responsable das áreas de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación. 

Foi fantástico verificar o entusiasmo e compromiso das preto de 150 persoas que foron pasando pola biblioteca, quer presencialmente quer por medios telemáticos, para daren voz ás páxinas do romance Siríaco e Mr. Charles xunto co seu autor, Joaquim Arena cuxa colaboración e dedicación foi algo único. Un modelo de boas prácticas na comunicación entre artista e público. 
 
Pódese acceder ao álbum de fotos AQUÍ.
 

III Feira Tecnocienciarte

O luns 10 de xuño celebrouse a III Feira TecnoCienciArte do IES Perdouro. Nesta edición podíanse visitar 24 postos con diferentes experiencias e proxectos que saíron das aulas para que o alumnado puidese mostrar as súas aprendizaxes á comunidade educativa. 

Aquí podedes ver máis fotos da feira. 

Os postos deste curso incluían: 

  1. Les Jeux Olympiques (Francés)
  2. Le Jeu de l'Alphabet e Les Victoires de la Musique (Francés)
  3. Intelixencia Artificial (Tecnoloxía)
  4. Robótica (Tecnoloxía)
  5. Enerxía solar fotovoltaica (Tecnoloxía)
  6. Luz + luz = escuridade? (Física)
  7. A pesca en Burela (Proxecto Competencial)
  8. A Guerra fría e a IIª Guerra Mundial (Xeografía e Historia)
  9. Oca Express (Relixión)
  10. Axencia de Viaxes e Caderno de Viaxes (Relixión)
  11. Tatoo Nails, Sweet Nails e Maquillaxe semipermanente (Imaxe Persoal)
  12. Estilismo masculino (Imaxe Persoal)
  13.  O arco da vella (coloración capilar) e Peiteando (peiteados e recollidos) (Imaxe Persoal)
  14. Cremas faciais e osiños de xabón (Imaxe Persoal)
  15. EmoXogos do Perdouro (Benestar Emocional e Convivencia)
  16. Noria e Tangram (Tecnoloxía)
  17. Estruturas, electricidade, mecanismos e scape room Mulleres na Ciencia (Tecnoloxía)
  18. Impresión láser (Mecanizado)
  19. Domótica do fogar e obradoiro de soldadura (Electrónica)
  20. Badiahs galegas - peiteados con trenzas africanas e o seu significado (CB Servizos Administrativos)
  21. Badiahs galegas - peiteados con trenzas africanas e o seu significado (CB Servizos Administrativos)
  22. Elaboración de ecoinstrumentos, instrumentos musicais mecánicos e presentación de instrumentos musicais (Música)
  23. Instrumentos musicais, retratos picassianos e personaxes con texturas (Plástica)
  24. Mesas de cultivo e composteiros (Bioloxía)

8.6.24

A Intelixencia Artificial abre a nosa biblioteca ao mundo

No curso 2023-24 realizamos un novo traballo colaborativo empregando a biblioteca como punto central do proxecto, a metodoloxía baseada en proxectos e a intelixencia artificial.

A finalidade deste proxecto interdisciplinar consiste na elaboración dun asistente virtual (chatbot) que achegara a biblioteca tradicional á sociedade utilizando técnicas máis actuais de xeito que cumpra a súa función e facilite o acceso a todo tipo de usuarios/as.

A través da biblioteca realizamos as investigacións necesarias para levar a cabo o proxecto. Mediante a busca e tratamento de información conseguimos elaborar o proxecto de deseño do asistente virtual, as preguntas e respostas necesarias para abranguer toda a información que poden precisar as persoas usuarias da biblioteca ou a cidadanía ao demandar os recursos e servizos do centro.

A elaboración do chatbot e a dotación do mesmo de intelixencia artificial para que interactúe co usuario/a foi levada a cabo polo alumnado de 4º ESO da materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade.

A mascota, que representa ao asistente virtual, realizouna o alumnado de 1º ESO de EPeV empregando como referencia o logo do centro.

Para dotar o asistente de coñecementos de idiomas o alumnado da materia de Inglés realizou as traducións da información.

O alumnado de Lingua Galega e o EDLG colaboraron na revisión lingüística dos textos informativos e o alumnado de 4º ESO de Dixitalización encargouse de darlle difusión ao proxecto a través do blog Perdourando e da revista escolar Maruxía.

O interese que espertou este proxecto fixo que se ampliara o asistente virtual, polo que se realizou unha extensión do mesmo á páxina web do centro. Isto levouno a cabo o alumnado de TIC II de 2º de Bacharelato.

Para conseguir todo isto foi precisa a colaboración de todos os departamentos do centro, para facilitar a información, e das familias, para detectar as necesidades das mesmas en canto á información que necesitan do centro como usuarios do mesmo, da biblioteca e do programa Lectura e Familias.

A presentación oficial do chatbot fíxose na III Feira TecnoCienciArte do IES Perdouro.

Este proxecto serviulle ao alumnado para ver a importancia do traballo colaborativo no relativo a compartir ideas, razoar, tomar decisións, buscar e contrastar distintas fontes de información, coordinarse e ser conscientes, por un lado, das posibilidades que ofrece a intelixencia artificial de cara a facilitar o acceso dos/as usuarios/as á biblioteca e á información do centro e, por outro, do coidado que se debe ter coa mesma en canto á información que se manexa e á protección de datos.

Aínda así, debido á súa complexidade, este asistente virtual está nunha fase inicial que se irá completando no seguinte curso co fin de que aprenda e teña o poder suficiente para interaccionar con naturalidade e precisión cos usuarios/as.

A biblioteca foi, de novo, o centro neurálxico para que a IA se convertese nun chatbot que reúne toda a información aportada polo alumnado, os departamentos didácticos e as familias para poder abrir a nosa biblioteca ao mundo.

6.6.24

III Feira da Tecnoloxía, da Ciencia e da Arte: Tecnocienciarte

O luns 10 de xuño celebraremos a terceira edición da Feira da Ciencia, da Tecnoloxía e da Arte, Tecnocienciarte. 

Terá horario de mañá e de tarde. Todo o alumnado do centro visitará os distintos postos e tamén o farán estudantes de 6º de Educación Primaria. 

Pola tarde, estará aberta ás familias que queiran achegarse ao centro para ver os traballos e proxectos desenvolvidos este curso.  

A feira contará este ano con 24 postos nos que se poderá participar en scape rooms, kahoots, escoitar a exposición de diferentes traballos ou mesmo saír cun novo peiteado ou con algún agasallo. 

O plano da feira será o seguinte: 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...