30.4.25

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar


Hoxe volvemos a vernos! Si, é un gusto volver recibir os membros da asociación AFAN de Burela un curso máis co propósito de axudarlles no mantemento e mellora da súa imaxe persoal. 

Vaia por diante o noso recordo para aqueles usuarios que por desgraza non puideron chegar a estar hoxe entre nós. Queremos achegar o noso agarimo na súa memoria aos seus familiares, amigos e coidadores. 

Desde o departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro sumámonos tamén ao sentimento de tristeza que deixou a despedida en cada unha das cooperantes desta marabillosa asociación que fixeron un labor extraordinario por e para eles e para todo o conxunto da sociedade. Por suposto que, AFAN, sempre deixades unha pegada nas nosas vidas e sobre todo na do noso alumnado que hoxe rematou esta actividade de peiteado entre choros de emoción ao despedirse ata o vindeiro curso. 

Foron os nosos estudantes de primeiro curso do ciclo de Peieado e cosmética capilar os que empatizaron co labor desta asociación querendo aportar o seu gran de area na desestigmatización, botándose a traballar coas diferentes técnicas de hixiene e acondicionamento capilar, peiteados e estética de mans. Todas as técnicas aprendidas no centro educativo hoxe desenvolvéronse dentro dun ambiente de respecto. Coa tranquilidade de saber como afecta unha enfermidade neurolóxica ao individuo e como impacta na propia persoa e no seu contorno foron quen de traballar coa seguridade de que saben como facelo en equipo, planificando e organizando o contorno de traballo para que os usuarios de AFAN puideran ser recibidos e atendidos con éxito no coidado da súa imaxe sen contribuír nin o máis mínimo a ocasionarlles danos. 

Logo da visita, as modelos de peiteado agasallaron o noso alumnado e profesorado cuns chaveiros feitos á man acompañados dunha tarxeta que reflectía a seguinte frase: “GRAZAS POLO VOSO ESFORZO E DEDICACIÓN, SEREDES UNS GRANDES PROFESIONAIS.” 

Concordamos coa frase tan acertada. O elenco de profesorado que formamos parte deste ciclo formativo sabemos que grazas á colaboración destas entidades con nós faise posible que formemos en conciencia os futuros profesionais de peiteado co obxectivo de abordar os servizos que se prestan acompañados dun trato e atención exquisita a persoas que requiren dunha atención máis persoal. 

Acabamos cunha frase moi familiar: “mentres uns tratan de lembrar, nós estaremos aquí sempre para non esquecervos! 

Ata sempre queridos amigos! Sodes unha honra! 

Tedes imaxes desta entrañable visita AQUÍ.

Dpto. de Imaxe Persoal. IES PERDOURO.

27.4.25

O IES Perdouro vencedor da IV Olimpíada de Robótica da Universidade da Coruña

O pasado 4 de abril celebrouse no Campus de Ferrol a IV Olimpíada de Robótica, organizada pola Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC). No evento participaron arredor de cincuenta equipos, repartidos entre as categorías Promesas e Elite.

O alumnado do IES Perdouro competiu cunha actuación moi meritoria, logrando catro dos sete premios posibles, entre eles o do equipo vencedor absoluto na categoría Elite.

Había tres tipos de probas, nas que levabamos varias semanas traballando e preparando. A primeira era un segueliñas, que consistía en que o robot debía seguir unha liña marcada no chan e sortear os obstáculos. A segunda proba era o varredor, que consistía en localizar e expulsar catro latas de refresco nun ring circular sen saírse del. E a última proba era a de sumo, que consistía en expulsar ao opoñente do ring e que o teu robot permanecera nel.

Despois de cinco horas de competición con pequenas pausas para comer e descansar, remataron as probas e os máis de 200 estudantes que competimos dirixímonos ao salón de actos do campus, onde nos recibiron varias autoridades e profesorado da Universidade da Coruña. Despois de varias intervencións nas que felicitaron a todo o alumnado participante e falaron da Olimpíada e da Escola de Enxeñaría, continuaron coa entrega de premios.

O equipo Burela-bot, de 4º de ESO, proclamouse vencedor absoluto da Olimpíada, obtendo o premio Todoterreo (premio ao equipo máis regular). Ademais, o equipo Torques-bot quedou primeiro nas probas de sumo (premio Titán de Ouro) e de segueliñas (premio Correcamiños de Ouro). Nesta última proba, o equipo Reliño-bot quedou en segundo lugar (premio Correcamiños de Prata).

Despois de recibir os premios e de facer unhas fotos de grupo, fomos comer ao centro comercial Odeón e logo regresamos a Burela.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Antía Rodríguez Mon - 4º de ESO B

25.4.25

Actividades do departamento de Imaxe Persoal na Semana do Benestar 2025

O alumnado de primeiro curso do ciclo de Peiteado e cosmética capilar participou coas seguintes actividades na Semana do Benestar aportando os seus coñecementos ao alumnado visitante: 

Por unha banda os asistentes que nos visitaron sometéronse a exame capilar con medios diagnósticos como a microcámara, un dispositivo que mostra a grande escala a anatomía e fisioloxía do coiro cabeludo e o cabelo. A análise con este aparello é a fase previa a calquera procedemento técnico nun salón de peiteado no que en primeiro lugar se poden observar posibles alteracións do coiro cabeludo e do cabelo para logo seleccionar os cosméticos axeitados ao estado que presenta o modelo que se analiza co fin de aplicar e aconsellar os tratamentos cosmetolóxicos que mellor se adapten a cada caso en particular. Logo xa se poderán realizar as tarefas de peiteado con maior seguridade e control.

Posteriormente, os convidados aos nosos talleres de Imaxe persoal puideron experimentar técnicas de estética de mans e pés concienciándoos de manter unha boa saúde dos mesmos. Para iso, incorporáronse técnicas de hixiene e coidados de mans e pés realizando diferentes tratamentos a base de parafina, cosmético que confire unha hidratacion profunda á pel. Apoiados dunha presentación proxectada sobre os coidados de mans e pés e cunha correcta alimentación conseguiuse que os visitantes saíran aprendidos para o autocoidado. A través dun xogo interactivo de preguntas e respostas, os usuarios adquiriron conceptos de xeito divertido. 

Tamén percorreron o taller de hixiene capilar e peiteado, onde aprenderon a técnica do correcto lavado do coiro cabeludo e cabelo. Para aprender isto o noso alumnado do ciclo de Peiteado explicou de xeito interactivo a forma máis sinxela e correcta de realizar esta práctica de hixiene e acondicionamento capilar instruíndo na elección da cosmética axeitada para que os asistentes, no seu domicilio, poidan levar adiante unha intervención axeitada no seu cabelo e lucir limpo e acondicionado.

Logo disto, percorreron o taller de estilismo no que o alumnado visitante aprendeu a recoñecer a súa xeometría facial determinando o tipo de rostro que posúen co fin de aplicar un correcto deseño e depilación de cellas que potencia a súa expresividade e beleza. Para conseguilo, o alumnado do ciclo de Peiteado explicou de maneira breve e sinxela os diferentes tipos de rostro a través dunha proxección para logo pasar a realizar un diagnóstico personalizado a cada un dos asistentes explicándolles a maneira correcta de «depilar » de xeito mecánico (con pinzas) as súas propias cellas tendo en conta a xeometría máis axeitada. 

E para enriquecer esta actividade colaborativa, desde o departamento de Imaxe persoal impartiuse un taller de colorimetría aplicada á imaxe persoal co obxectivo de que os asistentes recoñezan as cores que mellor resaltan as súas calidades físicas: pel, ollos e cabelo, equilibrando e proporcionando as liñas de expresión e gañando en beleza. 

Tamén aprenderon as emocións que transmiten as cores a través da roupa, do cabelo e da maquillaxe. Explicouse a importancia de poder conxugar a beleza coa capacidade de comunicar emocións a través das cores que vestimos e contribuír a fidelizar a representación da propia individualidade conseguindo mostrar realmente quen somos en equilibrio co que queremos que os demais perciban de nós. En definitiva, que a nosa imaxe persoal vaia en liña coa nosa percepción. 

 «A imaxe persoal é sinónimo de comunicación»

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro

23.4.25

Día do Libro 2025

O 23 de abril celébrase o Día do Libro e o alumnado de 4º ESO C quixo mostrarnos qué libros lles gustaron ao longo do seu itinerario lector. 

Agardamos que a vós tamén vos gusten. 

21.4.25

Entrega de premios Torneos San Xoán Bosco 2025

O pasado 11 de abril a nosa Asociación Cultural Os Matos fixo entrega dos 🏅premios dos Torneos de San Xoán Bosco. 🏁♟️🧩⚽🏀
 
Moitos parabéns aos campións e subcampións.👏🏻👏🏻
Aproveitamos para felicitar ao departamento de Fabricación aditiva polo deseño e impresión dos magníficos trofeos🏆!
 
Accede ao albúm de fotos AQUÍ

10.4.25

Entrega de premios Torneos San Xoán Bosco 2025

Damos a coñecer os campións e subcampións dos Torneos San Xoán Bosco celebrados nos recreos de decembro a abril na biblioteca e no pavillón grazas á supervisión dos profesores Miguel Rodríguez Fernández e Emérito Fernández Cabaleiro.

Damas

  • Campión: Miguel Niñe Andión - 1º ESO A
  • Subcampión: Dylan Alberto Farroñán Palacios - 1º ESO A

Xadrez

  • Campión: Xoel Casas Rodríguez- 1º Bacharelato A
  • Subcampión: Nicolás Cayón Meitín - 2º Bacharelato B

Crebacabezas

  • Campioas: Maite Candia Barreira e Julia Martínez Casas - 4º ESO A
  • Subcampións: Sara Rodil Lamas e Sergio Gómez Couto - 4º ESO A

Fútbol

  • Campión: 3º ESO A
  • Subcampión: 2º Bacharelato A

Baloncesto

  • Campión: 3º ESO B
  • Subcampión: CFGM Instalacións de Telecomunicacións
Moitos parabéns aos gañadores e felicitamos a todos os participantes por facer do deporte un dos vosos mellores pasatempos durante os recreos activos do centro.

7.4.25

Hugo Gorgojo Basanta irá á fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía

Hugo Gorgojo Basanta participou o 12 de febreiro con outros compañeiros do IES Perdouro na fase autonómica da Olimpíada de Xeoloxía, que se celebrou en San Sadurniño. Os resultados obtidos levárono á fase nacional, que tivo lugar en Tremp e no Geoparc Orígens (Lleida) este sábado día 6 de abril. Na Olimpíada Española de Xeoloxía houbo 98 participantes. Consistiu no exame teórico individual e nunha proba práctica realizada en equipos de catro membros. 

Ademais do anterior, a xornada incluíu visitas ao Centre d'Interpretació de Sòls dels Pirineus, ao Mirador de Claret, ao Estany de Basturs e ao xacemento de pegadas de dinosauro de Orcau. 

Hugo conseguiu pasar á fase internacional desta competición académica e viaxará a Ji'ning en China, do 7 ao 17 de agosto acompañados doutros tres estudantes das provincias da Coruña, Badaxoz e Salamanca, que conformarán o equipo español. 

Moitos parabéns, Hugo! E moita sorte para esta experiencia, que seguro que será inesquecible. 

II Semana do Benestar emocional e a Convivencia


Este ano a Semana do Benestar Emocional e da Convivencia tivo lugar do 24 ao 28 de marzo. Durante eses días, no IES Perdouro leváronse a cabo diversos tipos de actividades. O noso grupo de 1º de ciclo básico de Servizos Administrativos participou en tres delas. 

A primeira actividade tivo lugar o mércores 26 de marzo e consistiu nun taller de baile que impartiu unha rapaza de Foz chamada Pili. Na pista do instituto, xunto ao alumnado de 3º e da ESO organizámonos en filas e comezamos a bailar ao ritmo de diferentes cancións, todas elas moi pegadizas. A medida que avanzaba a clase faciamos bailes máis emocionantes, divertidos, entretidos e con moita actividade física. 

Ese mesmo día acudimos a un taller de asesoría de imaxe persoal impartido polo alumnado do ciclo medio de Peiteado e Cosmética Capilar. Como na nosa clase somos un total de catorce persoas, dividímonos en dous grupos. 

No meu caso, en primeiro lugar, estudáronme o pelo a través dunha cámara para saber se o tiña graxo, con moita ou pouca densidade, como tiña as puntas, etc. A continuación, fixéronnos un tratamento nas mans con parafina para hidratarnos a pel; mentres tanto, fixemos un kahoot para comprobar o que aprenderamos. 

A segunda parte do taller consistiu en ver a forma da nosa cara, os seus trazos, proporcións, etc. Para finalizar ensináronnos un vídeo para ver como lavar o pelo correctamente e preguntáronnos se o coidabamos, se botabamos produtos, etc. 

A terceira e última actividade foi un taller de meditación dirixido por Hugo, un profesor que imparte clases en Viveiro e Burela. Comezamos a clase facendo estiramentos durante trinta minutos e, cara ao final, deitámonos no chan para relaxarnos cos sons que facía el mediante instrumentos como maracas, cuncos tibetanos e algún outro. 

Outras actividades levadas a cabo foron charlas sobre resiliencia ou sobre as emocións na publicidade; talleres de maxia impartidos polo profesor Alfredo Llano; talleres de malabares e obradoiros de regueifas. 

Na miña opinión, todas as actividades foron moi interesantes, pero a min a que máis me gustou foi o taller de meditación xa que me relaxou moito e me fixo descubrir algo que eu non sabía que me podía axudar tanto como é o ioga. Aínda así, volvería repetir calquera das tres actividades. 

Agardo que para o curso que vén volvan celebrar esta semana e recomendo a todo o alumnado que participe nas actividades xa que me parece moi divertido poder facelo dentro do instituto. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Ainhoa López Franco - 1º CB Servizos Administrativos

3.4.25

Visita a Correos do CB de Servizos Administrativos

O 18 de marzo o alumnado de 1º de Ciclo Básico de Servizos Administrativos visitamos a oficina de correos de Burela. 

Chegamos sobre as 10:30 da mañá e alí recibiunos o director, Manuel. Antes de entrar explicounos un pouco como funcionaba todo. Despois entramos e quedamos na entrada vendo os apartados de correos, unha especie de pequenos departamentos para recibir correspondencia polas que as empresas e algún que outros particulares pagan uns 80€ o ano. Ti pagas esa cantidade de diñeiro e tes unha desas caixas do correo ao teu nome, é dicir, a xente pode ir alí e depositar as cartas para ti nese “buzón” que se encontra, como xa dixen, na entrada da oficina de correos. 

Logo de estar alí un anaco facendo algunhas preguntas e escoitando todo o que nos contaba, entramos na zona de admisión ou oficina de atención ao cliente. Alí Toni, unha das traballadoras, contounos un pouco o que se podía facer en Correos xa que podes desde enviar cartas e paquetes ata realizar trámites da DXT, comprar libros, facer devolucións, rascas da once... Tamén nos falou sobre as cartas certificadas e os avisos de chegada. Alí nos explicou un pouco de todo, sempre con boa cara e de forma moi amena. 

Despois entramos na zona de tramitación, un almacén onde se deixan os paquetes que non se chegan a entregar na casa e onde se gardan os que se envían cando alguén fai un pedido por internet e marca Correos como punto de entrega. Tamén falamos sobre os burofax e a súa fiabilidade, xa que un burofax, cando o escribes, entrégase co texto tal cal foi escrito, sen ningún erro. 

Ao rematar alí accedemos á ultima zona da visita, a zona de reparto ou zona de distribución. Alí recibiunos Teresa, unha rapaza que fora un anaco antes facer reparto a Cervo. Explicounos que había dous tipos de repartidores, os de rural e os de urbano. Ela era de rural e explicounos como eran as rutas e como estaban distribuídas. Tamén nos dixo que as cartas antes de ser entregadas ao domicilio tiñan que ser enviadas a Santiago, por iso unha carta tarda case o mesmo en chegar a Madrid que en chegar a Xove. Ensinounos tamén onde veñen os paquetes nos camións, veñen nuns “carriños” chamados “xaulas”. 

Mostrounos despois un aparello chamado PDA. Era un lector de código de barras que utilizan para confirmar a entrega dun pedido, para recoller a firma do cliente ou mesmo para facer chamadas. Tamén nos explicou a diferenza entre cartas normalizadas e non normalizadas. As cartas normalizadas son as que teñen tamaño estándar, as de toda a vida, e as non normalizadas son as que teñen tamaños inusuais.

Para finalizar fixemos unha rolda de preguntas totalmente improvisada. Ela contounos moitas cousas e nos preguntamos moitas cousas tamén. Falamos sobre os estudos necesarios, sobre os vehículos utilizados (coche, moto, a pé...), sobre as prácticas... 

Xa ao rematar, algúns alumnos agardamos fóra xa que a nosa titora aproveitou a visita para realizar uns trámites e, mentres estabamos fora comendo algo, chegou un repartidor e estivemos falando con el. Explicounos de que zona viña, por que ía na moto e moitas cousas máis. 

Foi unha visita moi amena e entretida. Dende o principio fomos recibidos con moi boa cara, con educación e respecto. O mesmo recibiron eles pola nosa parte. Produciuse algún que outro percance pero nada importante que non nos permitira continuar coa visita. Foi moi interesante e totalmente recomendable.

Días despois, para continuar aprendendo sobre a correspondencia, na biblioteca realizamos un taller de ensobrado. 

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Karen da Costa Pérez - 1º CB Servizos Administrativos
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...