O venres 27 de setembro, o alumnado de 1ª de Bacharelato das materias de
Anatomía Aplicada, Cultura Científica e Bioloxía viaxamos a Santiago de Compostela para
adentrarnos no día a día do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
Dividímonos en varios grupos e organizamos a mañá en dúas partes. Así, cada
equipo podería realizar dúas das prácticas relacionadas coa investigación que nos
ofrecían. Aprendemos sobre o proteoma e a impresión 3D aplicada á saúde. Tivemos
ocasión de ver peixes cebra nas súas primeiras etapas de crecemento, nas cales non
senten dor nin estrés. Deste xeito, pódese traballar con estes pequenos organimos para
avanzar no campo da oncoloxía.
En diferentes actividades practicamos o uso de micropipetas e o traballo con
volumes. Os expertos explicáronnos como de pequenas eran as magnitudes que
manexan acotío e observamos medidas de ata nanolitros.
Na actividade relacionada coa
cardioloxía, aprendemos sobre a importancia de levar unha dieta equilibrada ao observar
exemplos de corazóns afectados pola mala alimentación e diferentes biopsias líquidas.
O IDIS é un centro interdisciplinar onde colaboran dende biotecnólogos e
biólogos ata informáticos e fisioterapeutas. Traballan día a día investigando para
conseguir aplicar as súas conclusións ao ámbito da saúde, de aí o seu carácter
translacional. Así, puidemos aproveitar os consellos e o exemplo de expertos para
enfocarnos mellor no noso futuro.
Desfrutamos e aprendemos moito nesta saída e, sobre todo, tivemos a oportunidade
de adentrarnos no mundo científico do xeito máis entretido, ademais de tomar conciencia
da importancia que ten o traballo dos investigadores nas nosas vidas.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Carla Paz Trelles - 1º Bacharelato A