4.7.25

Oferta educativa de Formación Profesional

 

Neste vídeo móstrase a oferta educativa do IES Perdouro para Formación Profesional: Ciclos Básicos, Medios, Superiores e Cursos de Especialización. 

Vente á FP!

30.6.25

Educación emocional con María Navarrete


Nos últimos anos, María Navarrete Fa acompáñanos nunha semana na que o alumnado recibe varias sesións do que ela chama Ximnasia Emocional. 

Do 16 ao 19 de xuño, as alumnas e alumnos de 2º e 3º ESO, 1º CB de Fabricación e Montaxe e 1º CM de Mecanizado desfrutaron dun total de catro sesións con María nas que se tratou de mellorar a autoestima e de profundar na personalidade e nas intelixencias de cada un para aumentar a percepción do benestar emocional. 

Podedes ver as imaxes AQUÍ.

Resumo da IV Feira TecnoCienciArte

 

Neste vídeo repásanse as participacións deste curso na Feira TecnoCienciArte. Un gran traballo obra de todos!

Neste enlace tedes todos os proxectos que interviñeron na mostra. 

E máis imaxes da xornada AQUÍ

25.6.25

Proxecto Neo.14 Curso 24-25

Foi un curso de consolidación e apertura, no que mantivemos viva a radio escolar como espazo de aprendizaxe, encontro e servizo á comunidade.

Despois da continuidade garantida grazas á colaboración de Radio Foz e á implicación dos docentes envolvidos no equipo de radio, mantivemos unha programación estable desde outubro ata xuño, con máis de trinta programas divulgados nas emisoras asociadas e nas redes do IES Perdouro.

Neste curso, incorporáronse novas voces como Javier Mogo, Nádia Cabral, Érica Gomes, Belanice Costa e Helena Paredes, entre outras. Con eles e elas reforzamos o compromiso coa diversidade lingüística, incluíndo sotaques do galego e do portugués, e dando acubillo a testemuños chegados de Cabo Verde, Colombia ou Brasil.

Cómpre salientar tamén dúas colaboracións regulares que enriqueceron a estrutura do programa: por unha banda, a profesora de Lingua Castelá Sonia Rey, que dinamizou dúas seccións xa imprescindíbeis —A noticia do día e Horrografía (mensual)—; e por outra, o profesor de Bioloxía Fernando Losada, que achegou as súas didácticas Pílulas das ciencias, conectando o saber científico coa realidade cotiá do alumnado. Mensualmente programamos un Especial Radio Saúde Burela, actividade que forma parte da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención do Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa dentro do Plan Estratéxico de Saúde Nacional.

Proxecto Neo mantivo o seu vínculo co territorio. Falamos do mar con Pepe do Caxoto e Balbino Trelles; de iniciativas empresariais baseadas no compromiso coa nosa terra e co ambiente, como Mel do Trevo ou Terras de Miranda; da cultura con artistas como Cristina Castro, Ugia Pedreira, Xosé Constenla e Lupe Blanco; e da literatura coa colaboración de Antonio Reigosa, Raquel Miragaia, Paco Rivas e Manuel Rivero. Ademais, recibimos a visita de Manuel Núñez Singala grazas ao programa Lectura Infinita.

As colaboracións chegaron tamén doutros centros: de Vila de Cruces, de Xinzo de Limia, de Catarroja (Valencia) e mesmo do arquipélago caboverdiano, grazas á colaboración do director da Escola do Salineiro, Josefino Quedi Barbosa.

Participamos en actividades como Expomar, o intercambio con Francia e a excursión a Portugal. Conectamos así a radio escolar co mundo, mantendo como fío condutor a palabra dos estudantes.

Neste ano, Proxecto Neo foi, unha vez máis, escola de comunicación bidireccional, ponte entre xeracións e motor de cohesión social.

Vanesa Vilaverde Lamas, coordinadora de Proxecto Neo

Rematamos a 14ª edición de Proxecto Neo cun xantar de confraternidade entre os integrantes de Masa Coral Modelo Burela. 

Aquí están as fotos da entrega de diplomas aos reporteiros/as de Proxecto Neo 24-25.

Equipo docente Proxecto Neo 24-25 coa nosa fotógrafa Lucía Rivas

Vídeo promocional Fabricación Aditiva IES Perdouro 24-25

20.6.25

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 31

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 31 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Esta mañá, a biblioteca do centro acolleu un evento moi especial: a presentación do número 31 da revista escolar Maruxía. O acto estivo conducido por Hugo Lorenzo, alumno de 4º de ESO TIC, quen guiou con soltura e entusiasmo a sesión.

Durante a presentación, Maeve Díaz e Noa Burgos compartiron con todos os asistentes a experiencia do equipo na preparación desta nova edición, salientando o valor do traballo conxunto e da colaboración continua para superar os diferentes retos que xurdiron ao longo do proceso.

Como nestes últimos anos, foi o alumnado de 4° ESO quen maquetou a revista escolar e varias decenas de estudantes e profes de calquera das ensinanzas que se imparten no IES Perdouro redactaron os textos que ocupan as súas páxinas. Ademais, a revista inclúe os relatos e poemas premiados no XVIII Concurso de Relato Curto e Poesía, así como as imaxes galardoadas no XVI Concurso de Imaxe, certames organizados cada ano pola Asociación Cultural Os Matos.

Antes de rematar o acto, o profesor de TIC, Cristovo Balseiro, tomou a palabra para compartir a experiencia que supuxo para el e o seu equipo de alumnado enfrontarse ao reto de aprender a manexar un novo programa de maquetación, o Scribus, que non resulta precisamente sinxelo.

Para rematar, Xema Sanjurjo, coordinadora do EDLG e Karina Parga, presidenta da Asociación Cultural fixeron entrega dos premios aos gañadores destes certames, que cada ano fomentan a expresión literaria e artística no centro. 

Aproveitamos o acto para facer entrega do diploma de participación ao equipo formado por Sara Villarquide, Breogán Fernández e Hugo Fernández, alumnos de 3º ESO, que representou ao IES Perdouro na fase territorial do concurso radiofónico ODS Onda – O Futuro é Teu. Os estudantes de ESO de catro centros galegos protagonizaron a primeira edición dun concurso que pretende transformar a educación en materia de sustentabilidade nunha experiencia interactiva, divertida e emocionante aproveitando o alcance e a influencia da radio local en todo o Estado. Este concurso realizouse simultaneamente en Galicia, Andalucía, Catalunya e na comunidade autónoma de Madrid.

👉 Podes acceder á reportaxe fotográfica completa premendo AQUÍ.

📖 Consulta a revista Maruxía nº31 en formato PDF, dispoñible aquí.

Fin de curso: boas vacacións!

Hoxe rematou o período lectivo do curso 24-25. Todo pasou voando. 

Enchestes o patio de conversas, risas e baile. Que alegría contaxiades!

Agora a descansar. Desfrutade do tempo libre para facer o que máis vos guste. O verán é fantástico para estar en contacto coa natureza, para ler, para coñecer xente nova, para compartir coa familia e cos amigos...

Nós estaremos aquí ata finais de xullo: aínda queda recoller as notas, solicitar os libros de texto e matricularse para o vindeiro curso. 

Iremos informando das datas. 

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

16.6.25

Maruxía nº 31

O alumnado de 4º de ESO TIC capitaneado por Cristovo Balseiro rematou estes días de compoñer o número 31 da revista MARUXÍA. Xa está na imprenta. 

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro venres 20 de xuño ás 11h30. 


13.6.25

Viaxe de fin de curso por Portugal

O pasado martes 3 de xuño o alumnado de 1° de Bacharelato, xunto coas profesoras  de  portugués  e  francés,  saímos  cara  a  unha  viaxe  na  cal percorreriamos o país veciño. A nosa primeira visita de Portugal foi o Mosteiro do Bom Jesus, en Braga. Alí, puidemos desfrutar dos seus preciosos xardíns en harmonía coa arquitectura barroca. Ademais de baixar polas súas innumerables escaleiras, tivemos a oportunidade de remar en barca tras o xantar. A continuación, dirixímonos a Espinho, onde nos aloxariamos os seguintes días para visitar Porto. 

Pasamos todo o mércores na cidade de Porto, onde quedamos abraiados cos azulexos que recobren as fachadas da estación de San Bento e doutras moitas edificacións. Observamos a colorida paisaxe da Ribeira, xunto ao Douro, e no Mercado de Bolhão probamos doces típicos portugueses. Fixemos tamén un roteiro alternativo para coñecer a verdadeira esencia da cidade e do seu pobo; exploramos  a  física  do  son  na  Casa  da  Música  e  vimos  monumentos inconfundibles que nos mostraron a riqueza histórica da cidade.

O xoves despedímonos de Porto e de Espinho para dirixírmonos cara a Aveiro. A primeira hora, aprendemos sobre a industria tradicional que sustentou á súa poboación  durante  séculos,  as  salinas.  Logo,  paseamos  entre  as  coloridas edificacións tan características da arquitectura de Aveiro. Tamén, montamos en barcos moliceiros, dende os cales, grazas a un guía, aprendemos a historia da vila dende as canles que a atravesan.

Este mesmo día rematámolo xa en Lisboa, onde desfrutamos da gastronomía tradicional portuguesa preto da Praça do Comércio. Na mañá seguinte, subimos ao  miradoiro  da  Senhora  do  Monte  e  adentrámonos  polas  rúas  da  cidade. Desprazámonos en metro, mais tivemos a oportunidade de montar nos coloridos tranvías e de escapulirnos polas rúas en trotineta.Na praza do Carmo fixémonos conscientes da historia aínda latente no corazón da cidade; descubrimos o barrio de Alfama e aprendemos sobre as figuras literarias máis destacadas da cultura portuguesa tras visitar a Feira do Livro de Lisboa. Así, visitamos tamén o Castelo de São Jorge, unha fortaleza medieval situada no punto máis alto da cidade pola cal pasaron todas as civilizacións que poboaron Lisboa ao longo da historia. Dende  alí,  tivemos  unha  preciosa  panorámica  da  paisaxe  debuxada  pola diversidade botánica e harmonía arquitectónica de Lisboa xunto coas augas do Texo.

O sábado apuramos o último día de viaxe comezando polo museo Quake, acerca do gran terremoto que asolou Lisboa en 1755. Alí tivemos a oportunidade de sentir persoalmente a experiencia de tal fenómeno e así comprender mellor o sucedido  na  cidade  e  como  isto  mesmo  afectou  a  súa  configuración  na modernidade. Logo, vistamos Belém, xunto coa súa famosa Torre e o Mosteiro dos Jerónimos, onde se atopan os sepulcros do explorador Vasco da Gama e o gran poeta Fernando Pessoa. Logo, relaxámonos nunha longa tarde de praia antes de voltar ao centro de Lisboa para cear e recollernos ata partir deviaxe de volta na mañá seguinte.

Chegamos a Burela por volta das nove da noite, tras unha viaxe en bus con intervalos de recordos sobre a experiencia e moito, moito sono, o que nos mostra canto desfrutamos dela. Paramos tamén en Ponte da Lima a xantar e visitamos o seu mercado de antigüidades antes de despedírmonos finalmente da nosa última  gran  viaxe  como  curso  en  conxunto.  Desta  viaxe  quedámonos  con innumerables recordos construídos nun ambiente que combinou a convivencia e os  risos  coa  cultura,  facendo  dela  unha  experiencia  inolvidable para  todos. Finalmente, tan só queda dicir que ficamos muito gratas e gratos por termos a oportunidade  de  compartilhar  esta  experiência  com  as  profesoras  Vanesa  e Karina,  assim  comoJosé  Luis,  sem  os  quais  não  poderia-mos  terdesfrutado tanto da nossa viagem. 

Carla Paz Trelles, 1° BAC A

Accede AQUÍ ao albúm de fotos da viaxe. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...