9.6.14

Crónica da viaxe pola Mariña Oriental

María Basanta Rañón (1º ESO A)
Tania Valiña Eijo (1º ESO B)

O día 7 de maio os alumnos de 1º de ESO fomos de excursión pola Mariña Oriental. Ás 8,30 da mañá saímos nun autobús desde o Instituto cos titores, Toni e Charo, e o profesor de Relixión, Antón.

A primeira parada fixémola no Concello de Barreiros, preto da praia da Anguieira, onde puidemos ver a ría de Foz, na desembocadura do río Masma. De volta ao autobús continuamos a ruta vendo un ronsel de praias, que en marea baixa prolónganse varios quilómetros, e tamén vimos o exterior da Casa-Museo de Celso Dourado, un pintor que non ten mans e que pinta con dous nervios de cada muñeca.

Camiño de Ribadeo, paramos á altura da Praia das Catedrais onde soubemos que o nome orixinal deste lugar é “Praia de Augas Santas”.

Antes de entrar en Ribadeo, atravesamos a Ponte dos Santos para dirixirnos ao Concello de Castropol, en Asturias, onde fixemos unha breve parada para ver a fermosa ría de Ribadeo, desembocadura do río Eo.

O entorno do Cargadeiro chamounos a atención do ben conservado que está e a vista que desde alí se ve. Informáronnos que antigamente había unha línea de tren desde os fornos de A Pontenova que transportaba carbón ata este lugar e que aquí se cargaba nos barcos que logo os levaban aos altos fornos  de Asturias e do País Vasco. A carón do Cargadeiro vimos o Forte San Damián e o Albergue de Peregrinos.

Logo achegámonos ata a Illa Pancha para ver o Faro. Antón explicounos que na provincia de Lugo só hai tres faros: Illa Pancha (Ribadeo), A Atalaia (en San Cibrao) e Punta Roncadoira (en Xove). Os demais sinais reciben o nome de balizas. Tamén nos dixo que un faro transmite tres tipos de información: a través da pintura exterior, da luz intermitente, e do sonido da sirena (se a tén),  para cando hai néboa.

A mediodía chegamos á Praza de España. No tempo libre que nos deixaron comimos o bocadillo e, como acabamos rápido, tivemos tempo para xogar no parque, onde o pasamos moi ben.

Despois do descanso vimos desde fóra a Torre dos Moreno e paramos diante da Casa do Concello, antiga residencia do Marqués de Sargadelos, onde puidemos ver unha estatua súa nas escaleiras.

Por último entramos na Igrexa do Mosteiro de Santa Clara, un edificio que conserva rasgos de estilo gótico. Antes de saír puidemos falar cunha monxa que nos dixo que se dedicaban á repostería e a facer bordados.

Xa de volta ao Instituto, os profesores déronnos unas galletas que mercaron no mosteiro das monxas e que estaban moi ricas.

Como chegamos antes de tempo, estivemos xogando no patio antes de marchar para as nosas casas.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...