10.1.24

Premios para o IES Perdouro de traballos por proxectos e de convivencia e benestar emocional

Esta semana recibimos as noticias de que o labor do IES Perdouro foi premiado no IX Concurso de Traballos por Proxectos e no I Premio ConVivimos, ambos convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

No contexto do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) convocouse o IX Concurso de Traballos por Proxectos 2022-23 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. A finalidade do proxecto, de carácter interdisciplinario, foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? - Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?”

O proxecto comezou analizando as necesidades de crear un espazo para o cultivo de vexetais durante o período escolar no centro educativo, de xeito que se puidera levar a idea a outras persoas que quixeran facer o mesmo (DIY) e seleccionar cultivos para distintos fins. Neste proxecto o estudo das estruturas xeodésicas e dos tipos de cultivo foron o medio para acadar o fin. Tralo estudo das estruturas xeodésicas, comezouse a elaboración dun proxecto técnico que supoñía: deseñar e realizar o cálculo da estrutura xeodésica, deseñar a disposición das macetas/mesas de cultivo, elaborar os detectores de temperatura interior e os detectores de humidade para controlar o regado das plantas. Investigouse sobre os cultivos que se ían realizar, completando o traballo coa información facilitada polas familias, empregáronse as formas da natureza (coliflor, brócoli, col romanescu e suculentas) para estudar os fractais e utilizáronse as plantas aromáticas (lavanda, menta etc) para elaborar distintos tipos de xabón. Finalmente, procedeuse á difusión do proxecto e á realización de agasallos cos cultivos conseguidos e produtos elaborados.

A contía que recibiu o centro foi de 2000 € como se pode comprobar na resolución que fai pública a relación de centros premiados. 

Por outra parte, co fin de recoñecer o esforzo realizado polos centros educativos na mellora da convivencia e do benestar emocional, convococouse o I Premio ConVivimos 2023 de convivencia e benestar emocional, para recoñecer aquelas actuacións e proxectos de carácter individual e/ou colectivas que implicaran un alto grao de compromiso coa mellora da citada convivencia escolar e benestar emocional. Para esta convocatoria presentouse un proxecto de todas as actividades relacionadas coa educación emocional que se realizaron no centro durante o ano pasado. Nestas actividades participou alumnado de todo o centro (ESO, BACH, FP) e colaboraron diferentes departamentos grazas á formación recibida no PFPP e á coordinación das profesoras Yolanda Fernández e Montserrat Seco, esta última a través do Programa de Educación Responsable. O alumnado recibiu sesións de Educación Emocional, realizou un estudo sobre emocións no IES Perdouro, construíu unha estrutura suspendida, redactou relatos e poemas, o Coro das Emocións interpretou varias cancións etc.

Ao IES Perdouro outorgóuselle polo proxecto #EmociónsNoPerdouro un áccesit, quedando no 4º posto dos 50 centros da comunidade autónoma que se presentaron nesta primeira convocatoria como consta na relación de premiados

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...