19.4.24

Xeorruta con Fran Canosa

O venres 21 de marzo o alumnado de 4º de ESO puidemos desfrutar das explicacións do recoñecido xeólogo Fran Canosa. 

Tras saír do instituto a primeira hora, dirixímonos cara a área xeolóxica do Perdouro, onde observamos diferentes tipos de pregamentos e formacións xeolóxicas coma os arcos da “igrexa de Coedo”. Nesta etapa da ruta, Canosa explicounos a orixe e importancia dos monumentos xeolóxicos que se atopan en Burela. Comentounos como as rochas que forman a nosa paisaxe foron orixinadas hai 500 millóns de anos en praias preto da Antártida e, despois de movementos tectónicos e procesos de erosión, preséntanse hoxe en día a simple vista. 

A continuación, Canosa recalcou a importancia xeolóxica da nosa vila, pois constitúe un límite de recoñecemento internacional no que remata a rasa cantábrica, composta principalmente por rochas metamórficas, coma a lousa e a cuarcita, e comeza o litoral granítico que se estende cara o oeste de Galicia. Esta distinción converte a Burela nun geosite de interese mundial. 

Logo, exploramos a xeoloxía granítica dirixíndonos cara á praia da Marosa mentres nos detiñamos de cando en vez para atender ás explicacións de Canosa. Durante esta etapa, apreciamos as diferenzas do litoral da rasa cantábrica cara ao leste e do granítico dende unha nova perspectiva. Observamos tamén diferentes formacións en bloques de granito, coma pías ou pedras cabaleiras formadas pola erosión do vento en combinación coa auga e o salitre, destacando a “pena do neno”, denominada así pola forma que inspira dun meniño deitado. 

Continuamos descubrindo diferentes estruturas costeiras como faias e as distinguidas diáclases ortogonais da Marosa. Así, rematamos a interesante xeorruta con Fran Canosa, que puxo en valor como se merecen as distintas áreas xeolóxicas de Burela.

Para ver máis fotos preme aquí.

Carla Paz Trelles - 4º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...