22.5.24

Viaxe a Londres de 4º ESO

Dende o 5 de maio ata o 10 dese mesmo mes todo o grupo de 4º ESO estivemos de viaxe en Londres, Reino Unido. Foi unha viaxe xenial! 
O 5 de maio atopámonos todos na estación de autobuses de Burela ás 6:30 da mañá, para saír cara ao aeroporto de A Coruña, onde colleriamos o primeiro voo ás 10:20 para Gatwick airport, onde aterramos ás 11, hora inglesa. 
En Gatwick recolleunos un autobús que nos levou ata o noso hotel en Londres; tivemos un traxecto dunhas 2 horas onde aprendemos moitas cousas que o guía que nos acompañaba ía compartindo con nós a medida que viaxabamos cara ao centro. Rímonos moito durante o traxecto! A tarde transcorreu tranquila, aínda que estabamos moi cansos por mor da viaxe; fomos a sitios como China Town, Piccadilly Circus, Covent Garden... onde desfrutamos de múltiples actuacións a pé de rúa, probamos cousas novas e visitamos moitos lugares, pero sobretodo rimos un montón. 
O día 6 espertamos e baixamos a almorzar, probando o verdadeiro British breakfast. O tempo non acompañou moito pola chuvia, pero partimos cara á City enfundados cos nosos chuvasqueiros e, aínda así, puidemos desfrutar do día; ata fixemos un concurso entre dous grupos para comprobar cantas persoas nos conseguiamos meter nunha cabina de teléfono e pasámolo moi ben. Visitamos tamén o Tate Modern entre outros lugares, e desfrutamos dunhas vistas preciosas da cidade, sen olvidarnos do Globe Theatre, Tower Bridge ou a Torre de Londres. 
O día 7 comezamos percorrendo os Kensington Gardens, a Albertopolis e visitando o Science Museum, onde aprendemos sobre a evolución, o espazo, etc... Visitamos tamén o Natural History Museum e experimentamos o que era un terremoto. Foi unha experiencia moi estraña e curiosa. Máis tarde dirixímonos a Harrod’s, uns grandes almacéns de luxo, onde algúns afortunados coñeceron ao xogador de fútbol Luís Díaz. Rematamos o día en Hyde Park, onde xogamos e rimos moito, desfrutando do tempo xuntos! 
O día 8 fomos visitar o Big Ben, a ver o cambio de garda (alí tivemos a sorte de ver ao Rei!). No Big Ben sacamos un par de fotos de recordo. Para xantar fomos a un parque onde había outra excursión de nenos pequenos e acabamos facendo ximnasia rítmica e flexións; foi moi divertido! Fixemos unha viaxe en barco pero estabamos tan cansos que incluso algúns adormeceron. Finalizamos no London Eye, onde sacamos fotos, rimos e ata algúns puideron presenciar unha pedida de man en vivo e en directo! 
O día 9 comezámolo no British Museum, aprendendo sobre historia, para despois dirixirnos cara a Candem Town, onde “flipamos” coa variedade de tendas que había e co ambiente do barrio. Mercamos algunhas cousas e desfrutamos do bo tempo que nos estaba a acompañar. Pasámonos tamén por un pequeno outeiro con vistas de toda a cidade e, ao baixar, atopámonos cunha furgoneta de xeados, como nas películas! 
O día 10 acompañábanos a triteza xa que volveriamos á casa; pola mañá os máis afeccionados ao fútbol puideron desfrutar do Stranford Bridge, o estadio do Chelsea FC. Máis tarde dirixímonos cara ao aeroporto onde collemos o noso voo a Santiago de Compostela; foi un voo tranquilo e con moitos recordos novos! Ao aterrar subimos ao autobús, viaxe na que fomos durmindo, cantando, etc... 
Foi unha viaxe xenial! Cómpre dar as grazas ao profesorado por confiar en nós dende o minuto un e por permitirnos vivir unha semana tan marabillosa, mellor de non ser polo TESCO! E non olvidedes ter coidado cos pickpockets, ou debería dicir bigpockets
 
Accede ao álbum de fotos aquí.
 
Lara Sixto Guisasola 4º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...