20.1.13

V Encontros de Banda Deseñada da Mariña

O pasado 16 de xaneiro na Biblioteca do IES Perdouro presentáronse os Vos Encontros de Banda Deseñadada Mariña, uns encontros que comezaron no ano 2009 e que teñen dous obxectivos básicos: por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. A adquisión de moitas obras novas para os fondos da Comiteca posibilita a consulta e a lectura de calidade, o que fai que o noso alumnado mostre interese por este tipo de obras.

Nesta edición dos Encontros, como en anos anteriores, adicamos tres meses, ata finais de marzo, a esta tipoloxía de narrativa a través de OBRADOIROS de guión, de iniciación á BD, de caracterización de personaxes de cómic, de bonecos… e, tamén, EXPOSICIÓNS. Por exemplo, citar que xa teñen pasado en anos anteriores por estes Encontros artistas da categoría de Miguelanxo Prado, Manel Cráneo, Carlos Portela, Kiko da Silva ou David Rubín, entre outros.

Durante estes tres meses, o Instituto transfórmase: as aulas, as paredes, as ventás… todo serve de soporte para os debuxos dos rapaces que decoran todo o centro coas súas personaxes preferidas.

Outra das actividades habituais dos Encontros é a proxección de películas e curtas de animación. Así, os rapaces poden acceder a películas ás que, doutro xeito, lles resultaría difícil achegarse.

Ademais de todas estas actividades, os Encontros de BD na Mariña convocan un concurso de creación de BD en tres categorías: ata 13 anos, de 14 a 18 anos e unha categoría aberta. As bases deste concurso pódense consultar no propio blogue dos Encontros (bandadesexada.blogspot.com). Asimesmo, os Encontros contan cunha revista propia, chámase “Banda Desexada” e  presentouse o nº 4 que vimos de editar e nel aparecen os cómics dos primeiros e segundos premios da anterior edición, entrevistas…

Para rematar, queremos agradecer a axuda que para estas actividades recibimos do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto e tamén do Concello de Burela, así como a colaboración de todo o profesorado e alumnado que participa nelas.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...