1.2.14

Acto de inauguración da exposición "Luces de Alén Mar"

Venres, 31 de xaneiro, na Casa da Cultura de Burela tivo lugar a inauguración da Exposición “Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega. 

A iniciativa de traer esta mostra a Burela partiu da Asociación Cultural “Os Matos”, con motivo de celebrar este mes de febreiro os 20 anos da súa creación. O I.E.S. Perdouro, que neste curso escolar conmemora o XXXV Aniversario, apoiou a idea, e o Concello de Burela presta a súa colaboración nesta Exposición, onde se fai referencia á antiga escola da vila.

A Exposición “Luces de Alén Mar – As escolas de americanos en Galicia”, que estará aberta durante o mes de febreiro, consta de 41 paneis con información e fotografías sobre a vida das escolas promovidas polos emigrantes galegos en América. Está dividida en 15 apartados: 1) Os piares humanos do éxodo (con imaxes de emigrantes embarcados rumbo á América); 2) Pioneiros: a filantropía docente dos indianos galegos (facendo referencia a persoas vinculadas á Mariña de Lugo: Pedro Murias, Manuel Candia López, Manuel Seara Martínez...); 3) Asociacionismo e intrución en destino: do prealbar á actualidade; 4) Cos ollos na Terra. O compromiso colectivo nacente.  Panorama do ensino en Galicia; 5) Xénese e floración das sociedades microterritoriais; 6) Semente educativa para tempos novos; 7) As raiolas alumean a aldea; 8) Templos de saber (mencionando escolas da nosa comarca); 9) Enxoval, programas e textos; 10) O día a día nas clases; 11) Algo máis que centros escolares; 12) Voces e reaccións coetáneas; 13) Polo ben público e do Estado; 14) Actualidades e porvires; 15) Final sen fin: as derivas dun patrimonio comunitario. 

Como complemento aos paneis informativos tamén se poderá ver  enxoval relacionado coas escolas dos anos 1920-1950, cedido polo MUPEGA (pupitres, tinteiros, mapas, libros...) 

Temos que agradecer a colaboración das persoas e institucións que colaboran coa mostra e, dun xeito especial, ao alumnado e profesorado do I.E.S. Perdouro que cede material escolar utilizado polos nosos avós na súa etapa escolar (pizarra individual, libros, revistas da emigración...), así como novas de prensa relacionadas con escolas da Mariña. 


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...