O pasado luns 7 de abril os alumnos de TICs de 1º de Bacharelato visitaron a Universidade da Coruña. Alí dirixíronse en primeiro lugar ao Pavillón de Estudantes, desde onde os acompañaron á Facultade de Informática, onde foron recibidos polo decano que os acompañou en todo momento.
A visita a esta facultade resultou moi interesante e amena. Nunha hora aproximadamente presentáronnos o quefacer dos alumnos que cursan estes estudos universitarios. Vimos o lugar común onde os estudantes poden realizar prácticas en equipo cos seus ordenadores ou simplemente charlar. Accedemos á sala onde se localizan os ordenadores centrais de toda a Universidade da Coruña, unha estancia ruidosa debido á necesaria ventilación e ateigada de torres de racks e cableado. Un lugar que realmente impresiona.
Logo dirixímonos a un salón onde nos expuxeron as distintas especialidades do grao que se pode obter nesta facultade e as moitas saídas laborais. De feito, fomos informados de que non existe o desemprego para os informáticos.
A continuación, visitamos distintos laboratorios onde se desenvolvían apaixonantes proxectos de investigación. No laboratorio de bioinformática traballaban con imaxes para indagar a relación dos cambios na pupila con determinadas enfermidades. Tamén nos mostraron proxectos relacionados coa robótica con aplicacións moi prácticas e útiles.
A visita resultou moi amena e a quixeron mostrarnos que os informáticos deben ser persoas moi sociables e moi relacionadas con numerosos ámbitos do saber para posibilitar o entendemento e ofertar solucións axeitadas a calquera que precise do seu saber.
Logo, achegámonos á Facultade de Economía. Para os alumnos que estaban interesados nalgún dos graos que oferta este centro universitario tamén resultou unha visita moi esclarecedora, pois explicáronnos pormenorizadamente en que consistía cada especialidade, as súas saídas profesionais e disiparon todas as dúbidas que lles expuxemos.
Mostramos o noso agradecemento aos responsables destas dúas facultades polo amable e atento trato recibido.
Despois disto, comemos algo e pasamos algún tempo de lecer nun centro comercial para repoñer forzas e tomar o camiño de Guitiriz.
Nesta vila recibiunos Alfonso Blanco Torrado, párroco, profesor de Relixión do instituto desta localidade, incansable dinamizador cultural e coordinador da Asociación Cultural Xermolos. Na sede desta asociación mostrounos manuscritos e fotos orixinais de Xosé María Díaz Castro, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2014. E a que iamos alí? Ao ser os gañadores do concurso de carteis na modalidade de Secundaria sobre Xosé María Díaz Castro interesábanos ver in situ a súa casa natal, os lugares que inspiraron os seus poemas e, por suposto, as súas composicións do seu puño e letra.
Alfonso Blanco falounos do autor, pois foi amigo persoal seu, e acompoñounos a realizar un percorrido polo lugar natal de Díaz Castro e outras parroquias veciñas nas que se desenvolveu a vida do poeta.
En fin, un día moi completo e un xeito de aprender distinto do cotián, coa realidade cara a cara.