11.3.15

Festival Xuvenil Europeo de Teatro Grecolatino 2015 en Lugo

O pasado luns 2 de marzo, os alumnos de latín de 4º da ESO e as alumnas de 1º e 2º do Bacharelato humanístico fixemos unha viaxe a Lugo para ver dúas obras grecorromanas, no teatro Gustavo Freire.


Saímos a redor das dez da mañá, e chegamos a Lugo ás doce, xusto a tempo para ver a primeira obra: Edipo rey, de Sófocles; unha das traxedias gregas máis coñecidas.

Practicamente, todo o mundo posúe algún coñecemento deste famoso mito: Edipo asesina a seu pai e casa con súa nai, descoñecendo o parentesco que os une.

Esta obra preséntanos a relación que existe entre a dor e o destino. Edipo, ademais, móstranos unha das paradoxas máis estrañas: o feito de que quen intenta escapar do seu destino non fai outra cousa que cumprilo, aínda que sexa por camiños inesperados.

Por iso, ao final da obra, Iocasta, a muller e nai de Edipo suicídase e o protagonista destérrase a sí mesmo, despois de arrancarse os ollos.

Ao finalizar a obra, dirixímonos ao centro comercial As Termas para comer e pasar unhas horas ata que comezara a outra obra ás catro e media.

Como o teatro e o centro comercial non estaban lonxe, puidemos pasar bastante tempo alí: comendo e pasando un cacho entretido. 

Despois de comer, voltamos ao teatro Gustavo Freire de Lugo para poder ver a comedia que tería lugar pola tarde, a Cistellaria, ou a cestita.

Esta foi a primeira comedia do autor Plauto, estreada arredor do ano 203 antes da nosa era.

Nela, a protagonista Selenia, abandonada ao nacer e recollida por unha meretriz, namórase dun rapaz de boa familia, chamado Alcesimarco. O amor que senten os dous é interrompido polo pai del, que pretende casar ao seu fillo cunha muller da súa mesma clase social.

Así, as ideas dos dous enfróntanse aos plans dos adultos, facendo que o amor e a conveniencia se convertan nos temas principais da obra. Finalmente, Selenia reúnese cos seus pais biolóxicos e o verdadeiro amor acaba por triunfar nesta comedia de Plauto.

Ao rematar a obra, dirixímonos xa ao autobús para voltar a Burela, chegando arredor das oito menos cuarto.

Ambas cremos que esta viaxe foi moi interesante para todos nós, estudantes de latín e de grego, xa que puidemos aprender e ao mesmo tempo disfrutar da sesión de teatro.

Mónica Palacios e Inés Pardo, 1º BAC A.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...