O xoves 15 de outubro os alumnos e alumnas de 3º da ESO saímos do Instituto ás oito e media da mañá cara a Samos. Chegamos alí ao redor das 10,45 e o primeiro que fixemos foi tomar un pequeno bocado de mediamañá. En Samos ía moito frío pero a medida que transcorría a mañá esta sensación foi desaparecendo. Ao rematar de comer, collemos rumbo á Capela do Ciprés, denominada así pola grande e alta árbore que ten ao seu carón.
Despois dunha breve información sobre este lugar, volvimos ata o Mosteiro e, unha vez dentro, un monxe explicounos distintas historias sobre as súas pinturas, a pequena fonte central que ten o xardín e o incendio que sufriu o edificio hai moito tempo, no cal morreu un neno. Ao rematar a visita, fomos xantar.
Cando eran as dúas e media continuamos a nosa viaxe cara ao Cebreiro. O primeiro que vimos alí foi o albergue, onde paran moitos peregrinos ao longo do ano. A continuación fomos visitar o Santuario de Santa María A Real, previa explicación da súa historia. Unha vez dentro, puidemos ver varias biblias traducidas a diferentes idiomas e unha pía bautismal.
Ao rematar de velo todo, fomos camiñando un pequeno treito do Camiño de Santiago onde nos atopamos con varios peregrinos. Cando chegamos ao límite con León puidemos ver unha paisaxe moi fermosa e puidemos sacarnos unha fotografía de grupo.
Cando voltamos ao autobús puxémonos en camiño cara a Lugo para parar no Centro Comercial As Termas. Despois dun bo tempo alí, volvimos para Burela.
Laura Fernández Galán – 3º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário