2.6.23

Charla de doazón e trasplantes

O martes 23 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato e 3º ESO PDC participou nunha charla sobre a doazón e os transplantes de órganos. Nesta charla foron moi claros en que tiñamos que saber se, cando morramos, queremos ser doantes ou non, xa que calquera, a calquera idade, pode selo. En moitas ocasións o transplante é a última esperanza de vida para todas aquelas persoas que precisan un órgano sólido. Ademais, os transplantes son tratamentos eficaces, solidarios e altruístas. 

Porén, o problema dos transplantes e da doazón de órganos é o tráfico destes, posto que no modelo español se confía en que todo é solidario, sen esperar ningún tipo de remuneración. España leva 31 anos sendo líder mundial en doazón de órganos. A día de hoxe, o 10 % destas doazóns fanse en vida porque, aínda que non podemos doar os mesmos órganos que cando morremos (só podemos doar en vida un ril, un anaco de fígado e pulmón e sangue e medula ósea), non chegan os órganos doados despois da vida.

Tivemos tamén a sorte de contar coa presenza de alguén que ten unha experiencia propia que contar; estivo co alumnado Santiago Chao, quen foi transplantado do corazón en 2001. Agora, máis de 20 anos despois, sabe o que é ver que estaba a piques de morrer e, catro horas despois, sentir que volvía a estar vivo. 

Marina Rubal Ponsa - 1º Bacharelato B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...