6.6.23

Entrevista a Care Santos

“Paréceme moi necesario falar da situación na que se atopan os delincuentes menores de idade” 

Para a escritora Care Santos (Mataró, 1970) poñerlle o punto final a unha novela é unha sensación “marabillosa”, que imaxina como “algo semellante a coroar unha cima”. Autora de máis dunha ducia de novelas e de numerosas obras xuvenís, os seus libros están traducidos a vinte e tres idiomas, entre eles, o galego. Precisamente, a través dunha edición na lingua de noso foi como o alumnado de 4º da ESO do Perdouro se achegou este curso á novela Mentira, a primeira dunha saga que coroou a Care Santos como unha das autoras máis lidas actualmente. 

A trama de Mentira, que trata sobre a delincuencia xuvenil, e o quefacer literario da escritora catalá centraron o coloquio que se celebrou o pasado día 29 do mes das Letras Galegas na Casa da Cultura de Burela, coa participación de estudantado de varios institutos lucenses. 

Como mostra do que deu de si o encontro, a seguinte entrevista inclúe algunhas das preguntas que lle formularon a Care Santos as alumnas e os alumnos do Perdouro, nas voces de Laura Alonso Fernández, Aroa López Casas, María Fuente Álvarez e Iria González Díaz. 

- As accións escritas no libro Mentira, segundo comentaches, están baseadas en feitos reais. Tamén o está o momento no que matan a Marta Villanueva cunha pa? 

- Si, o asasinato desta personaxe tamén está baseado nun feito real. En concreto, no caso de Sandra Palo. A esta muller matárona igual que a Marta no libro. Un grupo de menores quitoulle a vida cunhas pas e despois enterrárona. O dato relevante que marcou este caso real foi que a rapaza tiña síndrome de Down. 

- Por que decidiches continuar a historia de Éric, o protagonista. 

- Mentira naceu porque me parece moi necesario falar dunha realidade como é a situación na que se atopan os delincuentes menores de idade. Para documentarme sobre o tema, visitei durante varios días un centro de menores, onde mantiven conversas moi frutíferas con diversos adolescentes. O que me contaron sobre as expectativas que tiñan unha vez que saísen do centro, tales como a incerteza acerca de onde ían vivir, a que se ían dedicar ou o seu medo a reincidir en condutas delituosas foi o que me levou a proseguir coa historia de Éric. Quería contar como era a reinserción na sociedade deste personaxe tras a súa marcha do centro. 

- Cal é o teu lugar de tranquilidade para escribir? 

- Transformei a terraza da miña casa nun lugar tranquilo para escribir, con vistas ao mar. Alí teño unha ampla mesa de traballo e a concentración que necesito para as miñas obras. Tamén podo escribir nunha cafetería ou noutros espazos, pero, máis ben, ideas sobre argumentos ou algún artigo, nunca unha novela, xa que para iso se necesita moita concentración. 

- Tes algunha teima á hora de escribir? 

- Cada vez teño máis e, se as digo todas, quedaría como unha persoa bastante rara [risas]. Unha desas manías é escribir sempre con música de Bach de fondo, concretamente, coas Suites para violonchelo solo. Segundo o día, escollo un ou outro intérprete, pero a peza é a mesma. Ademais, sempre escribo polas mañás. Co paso dos anos, comprobei que me concentro moito mellor nas primeiras horas do día, por iso o meu horario de traballo adoita ser a partir das 8, aproximadamente, ata a hora de xantar.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...