Hoxe volvemos a vernos! Si, é un gusto volver recibir os membros da asociación AFAN de Burela un curso máis co propósito de axudarlles no mantemento e mellora da súa imaxe persoal.
Vaia por diante o noso recordo para aqueles usuarios que por desgraza non puideron chegar a estar hoxe entre nós. Queremos
achegar o noso agarimo na súa memoria aos seus familiares, amigos e coidadores.
Desde o departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro sumámonos tamén ao sentimento de tristeza que deixou a despedida en cada unha das cooperantes desta marabillosa asociación que fixeron un labor extraordinario por e para eles e para todo o conxunto da sociedade.
Por suposto que, AFAN, sempre deixades unha pegada nas nosas vidas e sobre todo na do noso alumnado que hoxe rematou esta actividade de peiteado entre choros de emoción ao despedirse ata o vindeiro curso.
Foron os nosos estudantes de primeiro curso do ciclo de Peieado e cosmética capilar os que empatizaron co labor desta asociación querendo aportar o seu gran de area na desestigmatización, botándose a traballar coas diferentes técnicas de hixiene e acondicionamento capilar, peiteados e estética de mans. Todas as técnicas aprendidas no centro educativo hoxe desenvolvéronse dentro dun ambiente de respecto.
Coa tranquilidade de saber como afecta unha enfermidade neurolóxica ao individuo e como impacta na propia persoa e no seu contorno foron quen de traballar coa seguridade de que saben como facelo en equipo, planificando e organizando o contorno de traballo para que os usuarios de AFAN puideran ser recibidos e atendidos con éxito no coidado da súa imaxe sen contribuír nin o máis mínimo a ocasionarlles danos.
Logo da visita, as modelos de peiteado agasallaron o noso alumnado e profesorado cuns chaveiros feitos á man acompañados dunha tarxeta que reflectía a seguinte frase: “GRAZAS POLO VOSO ESFORZO E DEDICACIÓN, SEREDES UNS GRANDES PROFESIONAIS.”
Concordamos coa frase tan acertada. O elenco de profesorado que formamos parte deste ciclo formativo sabemos que grazas á colaboración destas entidades con nós faise posible que formemos en conciencia os futuros profesionais de peiteado co obxectivo de abordar os servizos que se prestan acompañados dun trato e atención exquisita a persoas que requiren dunha atención máis persoal.
Acabamos cunha frase moi familiar: “mentres uns tratan de lembrar, nós estaremos aquí sempre para non esquecervos!
Ata sempre queridos amigos! Sodes unha honra!
Tedes imaxes desta entrañable visita AQUÍ.
Dpto. de Imaxe Persoal. IES PERDOURO.
Sem comentários:
Enviar um comentário