25.4.25

Actividades do departamento de Imaxe Persoal na Semana do Benestar 2025

O alumnado de primeiro curso do ciclo de Peiteado e cosmética capilar participou coas seguintes actividades na Semana do Benestar aportando os seus coñecementos ao alumnado visitante: 

Por unha banda os asistentes que nos visitaron sometéronse a exame capilar con medios diagnósticos como a microcámara, un dispositivo que mostra a grande escala a anatomía e fisioloxía do coiro cabeludo e o cabelo. A análise con este aparello é a fase previa a calquera procedemento técnico nun salón de peiteado no que en primeiro lugar se poden observar posibles alteracións do coiro cabeludo e do cabelo para logo seleccionar os cosméticos axeitados ao estado que presenta o modelo que se analiza co fin de aplicar e aconsellar os tratamentos cosmetolóxicos que mellor se adapten a cada caso en particular. Logo xa se poderán realizar as tarefas de peiteado con maior seguridade e control.

Posteriormente, os convidados aos nosos talleres de Imaxe persoal puideron experimentar técnicas de estética de mans e pés concienciándoos de manter unha boa saúde dos mesmos. Para iso, incorporáronse técnicas de hixiene e coidados de mans e pés realizando diferentes tratamentos a base de parafina, cosmético que confire unha hidratacion profunda á pel. Apoiados dunha presentación proxectada sobre os coidados de mans e pés e cunha correcta alimentación conseguiuse que os visitantes saíran aprendidos para o autocoidado. A través dun xogo interactivo de preguntas e respostas, os usuarios adquiriron conceptos de xeito divertido. 

Tamén percorreron o taller de hixiene capilar e peiteado, onde aprenderon a técnica do correcto lavado do coiro cabeludo e cabelo. Para aprender isto o noso alumnado do ciclo de Peiteado explicou de xeito interactivo a forma máis sinxela e correcta de realizar esta práctica de hixiene e acondicionamento capilar instruíndo na elección da cosmética axeitada para que os asistentes, no seu domicilio, poidan levar adiante unha intervención axeitada no seu cabelo e lucir limpo e acondicionado.

Logo disto, percorreron o taller de estilismo no que o alumnado visitante aprendeu a recoñecer a súa xeometría facial determinando o tipo de rostro que posúen co fin de aplicar un correcto deseño e depilación de cellas que potencia a súa expresividade e beleza. Para conseguilo, o alumnado do ciclo de Peiteado explicou de maneira breve e sinxela os diferentes tipos de rostro a través dunha proxección para logo pasar a realizar un diagnóstico personalizado a cada un dos asistentes explicándolles a maneira correcta de «depilar » de xeito mecánico (con pinzas) as súas propias cellas tendo en conta a xeometría máis axeitada. 

E para enriquecer esta actividade colaborativa, desde o departamento de Imaxe persoal impartiuse un taller de colorimetría aplicada á imaxe persoal co obxectivo de que os asistentes recoñezan as cores que mellor resaltan as súas calidades físicas: pel, ollos e cabelo, equilibrando e proporcionando as liñas de expresión e gañando en beleza. 

Tamén aprenderon as emocións que transmiten as cores a través da roupa, do cabelo e da maquillaxe. Explicouse a importancia de poder conxugar a beleza coa capacidade de comunicar emocións a través das cores que vestimos e contribuír a fidelizar a representación da propia individualidade conseguindo mostrar realmente quen somos en equilibrio co que queremos que os demais perciban de nós. En definitiva, que a nosa imaxe persoal vaia en liña coa nosa percepción. 

 «A imaxe persoal é sinónimo de comunicación»

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...