Din que todo ten o seu remate,
mais ás veces hai momentos que non desexamos que rematen nunca. Iso foi o
que nos pasou un destes días pasados, porque tivemos a sorte de contar
no noso instituto coa presenza dun auténtico mago. Mais non estou a
falar dun mago de chisteira e coello, non. É un mago das palabras e dos
soños, das linguas e dos sons.
Arredor das doce e vinte da mañá reunímonos na biblioteca os trinta
estudantes de bacharelato xunto con alumnado doutros cursos. Logo das
típicas leas para atopar o sitio adecuado, fíxose o silencio. Diante de
nós atopábase un home normal, sen ningunha característica especial, unha
desas persoas que vemos pola rúa e non nos chama en absoluto a
atención. O home estaba de pé. Detrás del, a longa mesa tras a cal
habitualmente se sentan os conferencistas; e na mesa, unha pequena
boneca vestida con roupa árabe. O convidado premeu a man da boneca, que
comezou a bailar ao son dunha música. Cando o silencio foi absoluto,
premeu de novo no botón para silenciala. Tomou a palabra o noso profesor
de Lingua e Literatura, que fixo unha brevísima presentación do seu
amigo Séchu Sende.
Séchu Sende é natural de Padrón, mais viviu noutras localidades,
entre elas Viveiro. Á Mariña trasladouse cando tiña trece anos e
marchou cando finalizou tras superar a Selectividade no Instituto Vilar
Ponte. Desde ben pequeno comezara a escribir relatos breves e poemas,
mais di que foi no curso 1989-90 cando de verdade espertou o seu amor
por escribir e facelo na que non era a súa lingua materna: o Galego. Cun
dos seus primeiros poemas gañou o prestixioso premio Minerva. Despois
conseguiu afianzarse e publicou diversos libros: Odiseas (que editou
xunto con uns amigos) ou Made in Galiza, un referente para a literatura
galega moderna. Na actualidade traballa como profesor, mais non deixa
nunca de escribir.
Preguntado polos segredos da escrita, Séchu Sende comentounos que
para el “o fundamental é ler moito e escoitar a todo o mundo que nos
rodea. Fixarse e estar sempre atento ao que poida pasar, porque dunha
anécdota, pode saír unha grande historia”.
Xa no final fomos partícipes dun momento único. Diversos estudantes
fixeron a lectura pública de diferentes versións propias dun texto do
Made in Galiza. Crioulo caboverdiano, Castelán, Inglés e Francés foron
algúns dos idiomas en que se fixeron as adaptacións. Marabilloso final
para unha charla tan agradable.
Quen non tivese nunca a oportunidade de escoitar falar este mago, non
sabe o que perde. Mais quen o queira facer, debe ter cuidado. Mentres
está diante do público, Séchu pode ler na mente da audiencia, como
imitando un mago. Porque este escritor é un mago que nuns segundos
trasládanos dunha conversa rutinaria a un percorrido polo Kurdistán. Un
mago que en menos dunha hora pasa a ser un agradábel amigo ao que
escoitar. Un mago que doa os beneficios do seu máis recente libro
-Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas- para establecer lazos
educativos entre unha escola de Compostela e outra da terra curda. Un
mago que transforma as palabras e os sons en imaxes dunha experiencia
das que deixan pegada. Ese é Séchu Sende, o mago das letras.
Crónica de Sara Gil Cordido - 1º Bacharelato
As intervencións co recitado público das adaptacións para diferentes idiomas estarán na rede dentro duns días. Merecen moito a pena.
ResponderEliminar