28.2.23

Recollida do premio do I Concurso de RCP do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

O alumnado de 4º ESO B2 viaxou o día 27 de febreiro a Santiago para recoller o premio do I Concurso de Reanimación cardiopulmonar a nivel galego, no que resultou premiado o traballo feito por Shiva Eliska Alinda Nurhakim e os seus compañeiros. O traballo tiña como requisitos elaborar un cartel, un podcast ou vídeos. No seu caso, elixiron crear un cartel no que se amosaban as instrucións para realizar a RCP e unha gravación de audio na que todo o alumnado do grupo narraba os pasos para executar as manobras correspondentes. 

O grupo chegou a Santiago sobre as 11:00h. Estaban citados na sala Eisenman da Cidade da Cultura e alí foron recibidos por responsables do Colexio Oficial de Médicos da Coruña e por Manuel Vila, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Antes da entrega dos premios, a nosa compañeira Shiva foi entrevistada por unha xornalista. Uns minutos despois, presentaron os distintos grupos premiados e os representantes de cada centro educativo foron chamados para recibir o premio e expoñer os seus traballos ás persoas presentes. 

Á parte do IES Perdouro, estaban presentes o CPI Isidro Parga Pondal de Oleiros, o CPI O Cruce de Cerceda e o Colexio Peleteiro de Santiago. Para finalizar a entrega, todos os centros educativos posaron para unha fotografía conxunta. 

A continuación, convidáronos a un almorzo con café, leite, pastas, froita... 

Logo, foron visitar a catedral e os seus arredores. O profesorado foi explicando datos sobre os lugares por onde foron pasando: a praza da Quintana, a do Obradoiro, a Acibechería... E xa dentro da catedral a exposición tratou sobre a cripta do apóstolo Santiago, os estilos arquitectónicos, o funcionamento do botafumeiro, a recente limpeza da pedra polo que agora se ve policromada... 

Para rematar, comeron no centro comercial As Cancelas antes de volver a Burela. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Alumnado de 4º ESO B2

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...