14.5.14

Crónica "Viaxe a Rianxo"

Chegamos ao IES Félix Muriel sobre as 11 da mañá despois de aproximadamente tres horas de viaxe. O centro estaba situado no Rianxiño.

O primeiro foi visitar o instituto, que destaca polas súas dimensións xa que é moi grande. Acto seguido, fomos ao salón de actos onde fixemos unha serie de actividades.

Primeiro proxectaron unha presentación de Rianxo: a súa localización, historia, personaxes ilustres, monumentos, etc. Despois, vimos unha presentación do IES e do labor do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística. Son os mesmos alumnos os que preparan todo o traballo no seu tempo de recreo. De seguido, pasamos ás actuacións musicais por parte dos alumnos do Félix Muriel e, por último, presenciamos un recitado de poemas entre estudantes do Perdouro e do Félix Muriel.

Acabadas as actividades no salón de actos, fomos visitar Rianxo.

Primeiro, dirixímonos á praia de Tanxil onde vimos a imaxe da Virxe da Guadalupe e o chalé dos Baltar. Tamén vimos o monumento en homenaxe aos prisioneiros do campo de concentración de Rianxo. E a Praciña, coas súas casas que teñen a anchura dun remo. Despois, fomos visitar a Praza da Manuela. Neste lugar eríxese un monumento dedicado á embarcación que gañou cinco anos consecutivos as regatas e que recibía o nome de Manuela. Ao lado, está situado o que eles chaman o Parlamento, uns bancos colocados en forma de S e cubertos por un tellado metálico onde sentan os xubilados para conversar.

Visitamos tamén a rúa de Abaixo onde se encontran as casas de Castelao, Dieste e Manuel Antonio. Percorremos logo o Paseo da Ribeira, no que vimos o porto e a capela de San Bartolomeu e continuamos ata chegar á praia da Torre. Para chegar a ela, cruzamos unha ponte co piso de madeira e os laterais metálicos e desde o alto contemplamos o que queda do Castelo da Lúa, que ten a súa propia lenda. Na praia da Torre foi onde comemos e tivemos o noso tempo de lecer. Algúns descansaron e outros xogaron ao fútbol na area.

Pola tarde, fixemos un recitado no monumento a Rafael Dieste, visitamos a Casa-museo de Manuel Antonio e, por último, fotografámonos co alcalde diante do Casa do Concello.

A atención dos rapaces de Rianxo foi inmellorable. Estariamos encantados de volver coincidir con eles.

Foi un bo día, sen dúbida.

Crónica de Aitor Eijo Oroza-4º PDC

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...