11.6.15

COGAMI achegou a discapacidade ao alumnado de 4º de ESO

O alumnado de 4º da ESO asistiu hoxe na biblioteca a unha charla de sensibilización sobre discapacidade impartida pola Asociación de persoas con discapacidades A Mariña - COGAMI.

Un dos obxectivos transversais do IES Perdouro de Burela, sinala a vicedirectora Karina Parga, é concienciar e sensibilizar ó seu alumnado sobre a saúde, a consecución de hábitos de vida saudables e prevención en educación viaria. Cada ano miles de persoas morren e outras quedan con lesións irreversibles (lesións medulares – traumatismo craneoencefálico) como consecuencia de accidentes de tráfico, laborais, deportivos, domésticos e agresións. Tódolos días podemos observar como os novos rapaces (sobretodo entre 16 e 25 anos) son os fatais protagonistas en accidentes de tráfico e deportivos, que poderían ser facilmente evitados se se cumpriran unhas mínimas medidas de precaución.

Elena Miragaya, traballadora social da asociación, impartiu a parte teórica onde explicou ao alumnado a importancia de empregar o cinto de seguridade nos vehículos, o uso dos cascos nas motos, e a perigosidade dos mergullos nas praias e ríos. Ademais, falou das barreiras arquitectónicas, psicolóxicas e sociais que hai en torno ás persoas con discapacidade. A continuación, dous voluntarios, Ángel López e Iván Lindín, compartiron cos rapaces unha tertulia animada onde lles explicaron a súa forma de vida diaria e a súa motivación deportiva pola natación.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...