30.1.22

Mulleres Premios Nobel da Paz

Dende 1901 en que existen os Premios Nobel da Paz, só foron 18 as mulleres merecedoras deste maior recoñecemento mundial. 
Aquí tedes unhas infografías realizadas polo alumnado de 2°A de Investigación e tratamento da información. 
As 18 mulleres en recibir o Premio Nobel da Paz aparecen por ordenación cronolóxica.

28.1.22

O 30 de xaneiro celebramos o Día escolar da paz

O alumnado de 2º PMAR quere conmemorar o Día escolar da paz, que se celebra o 30 de xaneiro, lendo versos de Antonio García Teijeiro. 

A súa obra Bicos e non balas recórdanos a importancia da paz no mundo e as desastrosas consecuencias dos conflitos bélicos. 

Esperamos que vos gusten as súas palabras e que vos fagan reflexionar sobre a importancia de convivir en paz.


23.1.22

Xa somos punto de recollida de material de escritura!

O IES Perdouro xa aparece no mapa como punto de recollida deste tipo de material, grazas á colaboración con TerraCycle, unha empresa innovadora que se encarga da reciclaxe de residuos difíciles de recuperar.

TerraCycle ofrece unha gama de programas aos que institucións e empresas se poden acoller para reciclar distintos tipos de produtos. No caso do material de escritura usado, unha vez recollido, é transportado a un dos seus almacéns. Logo, límpase e recíclase nunha das súas fábricas e transfórmase en produtos de uso diario, por exemplo, cadeiras e bancos para parques.

TerraCycle recicla e superrecicla os residuos en vez de incineralos ou mandalos a vertedoiros. Deste xeito, evítase o sistema lineal para pasar a un sistema circular, permitindo que o residuo siga dentro da cadea económica.

De momento, recóllense estes materiais nas aulas de ESO e Bacharelato, mais proximamente colocarase un colector para que toda a comunidade educativa e mesmo calquera persoa se poida achegar ao centro e depositar o material de escritura desde fóra do recinto.

Con cada envío que pese máis de 20 kg recibiranse puntos canxeables por doazóns. Un punto equivale a 1 céntimo. Cada vez que cheguemos a 1.000 puntos o centro poderá recibir a doazón que lle corresponda. 

Anímate a reciclar e trae o teu material de escritura usado: bolígrafos, rotuladores fluorescentes ou de encerado, portaminas, plumas e cartuchos e correctores líquidos ou de cinta.


Podes buscar máis infomación aquí


22.1.22

A violencia de xénero no novo contexto dixital

O martes 23 de novembro, no marco do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, o alumnado dos cursos de 1º de CM e CS de Administración tivemos a oportunidade de acudir a unha charla sobre violencia de xénero no contexto dixital da man de Haizea Álvarez que forma parte da organización PantallasAmigas

Comezamos falando sobre cales criamos que eran os beneficios e inconvenientes das redes sociais que teñen tanto uso hoxe en día. Por desgraza, a maioría deles eran aspectos negativos e estes axudan a que a ciberviolencia sexa máis sinxela para os agresores. Algúns dos moitos factores que inflúen na violencia dixital son a permanencia que temos nas redes sociais, a inmediatez que nos axuda a ter ou a exposición da nosa intimidade cada vez que subimos algo ás redes, entre outros. 

Chamounos a atención a definición que ten a ONU sobre a violencia de xénero, que é a seguinte: “Todo acto que resulte, ou poida ter como resultado, un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada”. Respecto disto, nas leis, esta só se concibe cando sucede no ámbito de parella ou exparella nas relacións heterosexuais mentres que, nas homosexuais ou outro tipo de relacións, non se concibe este termo. 

Hai moitos tipos de violencia de xénero como os seguintes: física, psicolóxica, sexual, económica, simbólica, patrimonial, vicaria (fai dano a xente querida para a vítima) e social. Podemos considerar que a violencia simbólica e social favorecen, co paso dos anos, o desenvolvemento das demais. Así, nestas relacións de violencia, vanse subindo distintos chanzos que levan a estados máis elevados de gravidade. A violencia coñecida como online grooming sucede cando a xente maior se fai pasar por adolescentes para conseguir coñecer outros mozos ou conseguir contido sexual como fotos e vídeos destes. Ao explicarnos este concepto, a relatora, mostrounos un vídeo que o representa moi ben. 

A indución de condutas daniñas tamén é moi frecuente. Sobre todo, nas redes sociais, moitas contas contribúen a que xurdan os TCAs (Trastornos de Conduta Alimenticia) ao publicitar o perder peso no canto de expor como podemos ter unha alimentación saudable. Ademais, adóitanse vender corpos perfectos e ficticios que axudan a diminuír a autoestima de quen o ve ao igual có uso abusivo de filtros. 

O triángulo da violencia mostra as partes que conlevan a ela ou, polo contrario, axudan á vítima a sobrevivir. Con respecto a iso, Haizea Álvarez comentounos que prefire referirse ás vítimas de violencia como sobreviventes xa que se trata dun concepto máis positivo, respectuoso e esperanzador. 

Que podemos facer se somos vítimas de violencia de xénero ou se somos testemuñas? No caso de sufrila, debemos saber que o único culpable disto é a persoa que a exerce e non nós mesmos, que todos somos libres e temos o dereito de utilizar as redes sociais sen medo a sufrir violencia de xénero e buscar axuda e apoiarnos noutras persoas para afrontalo e non sentirnos soas. En cambio, se somos testemuñas non deberiamos nunca xulgar a persoa que sofre estes abusos senón acompañala e apoiala neste duro momento, conscientes de que se pode saír adiante. 

Aínda que esta charla se enmarcou nas actividades para conmemorar o Día contra a violencia de xénero, o cal ten lugar o 25 de novembro, os consellos recibidos nela debemos telos en conta a diario, porque salvan vidas.

Damaris Gabriela Popovici - 1º CM Xestión Administrativa

20.1.22

Coñecemos a nosa vila

O martes 14 de decembro o alumnado de 1º ESO tivemos unha saída para coñecer mellor o noso pobo. Os nosos guías nesta visita foron Antón Niñe e Maribel Crecente, antigos profesores do IES Perdouro.

A reunión comezou no aparcamento do instituto. Alí o profesor Niñe contounos que o noso centro foi inaugurado no ano 1978, que nos seus comezos só había cinco profesores e que máis tarde foron construídos o instituto Monte Castelo e tamén o pavillón Vista Alegre. 

Antes de iniciarmos o paseo, organizámonos en grupos de cinco persoas para preparar as respostas a un cuestionario, sabendo xa que o equipo gañador tería un agasallo. De seguido, dirixímonos ao barrio de Torrentes, onde nos falaron da historia de Burela. Destacáronnos que estivo habitada desde a Prehistoria, que agora pertence á Mariña Central, que é o concello número 314 de Galicia -despois de segregarse no ano 1995 do concello de Cervo- e que na actualidade conta con 9.498 habitantes e a súa actividade máis importante é a pesca. Tamén nos falaron dunha empresa que tivo gran importancia na vila, a fábrica de ECESA, máis coñecida como a fábrica de caolín e que hoxe en día permanece pechada. Como curiosidade, aprendemos que no cabo Burela hai unha rosa dos ventos coas coordenadas da vila, que o torque de Burela pesa 1874 gramos, que hai restos arqueolóxicos romanos na zona dos Castros ou que os barrios máis antigos son Vila do Medio e a rúa Pascual Veiga. 

Despois dunha boa andaina, chegamos á igrexa de Vila do Medio, unha das catro coas que conta Burela. Deste edificio contáronnos moitas cousas, como que se construíu no século XII e que no século XVII sufriu un incendio. Tamén que entre os séculos XIV e XV se realizaron nela unhas importantes pinturas de estilo gótico onde se recollía en imaxes a vida de Xesús para explicar esta historia á xente que non sabía ler. Estas pinturas foron recubertas con cal no século XVI, cando a igrexa acolleu persoas afectadas pola peste. Tamén nos dixeron que o templo estivo aberto ata o ano 1962, data en que este se pechou e se inaugurou o de nova construción. Con este cambio, a igrexa de Vila do Medio caeu no abandono e pasou a ser utilizada como almacén para gardar os carros e a palla, ata que a principios dos anos noventa se restaurou e volveuse a abrir no ano 1994. 

Ademais de aprendermos historia, tamén vimos un Belén moi bonito e soubemos que é colocado polos veciños e veciñas durante tres días de traballo. 

No camiño de volta ao instituto, os nosos guías aínda nos falaron do faro de Burela, que é realmente unha baliza, e explicáronos o que é unha rasa continental como a que vai de Burela a Asturias. En pouco tempo, aprendemos moitas cousas sobre o noso pobo. 

Se queres ver as imaxes do itinerario, mira o vídeo ou preme aquí.

Ángel Blanco, Hugo Domínguez e Sara Rodil - 1º ESO

18.1.22

Recolle pilas para participar en Pilabot

Pilabot é un concurso de recollida de pilas e acumuladores en centros educativos de Galicia que ten como obxectivo que se tome conciencia sobre a importancia da reciclaxe deste tipo de residuos. 

Comezou o 13 de xaneiro e finalizará o 31 de marzo de 2022. 

Considéranse pilas e acumuladores portátiles calquera pila, pila botón, acumulador ou batería que estea precintado, poida portarse coa man e non sexa industrial nin de automóbiles. 

Cada grupo irá traendo as pilas para o instituto nas caixiñas que se repartiron para iso, depositaraas na caixa da súa aula e logo irán a un gran colector que se colocará nun punto de fácil acceso no centro.

Recordade que a cantidade de pilas que cada mes teñades na aula tamén puntúa para o concurso Aulas Limpas. 

Moito ánimo! E cantas máis pilas recollamos mellor! Estes son os premios: 


Se queres máis información, podes procurala en pilabot.gal

11.1.22

Concurso Aulas Limpas: o grupo gañador do mes de decembro é 2º ESO B

No mes de decembro o grupo que máis limpa e ordenada mantivo a súa aula foi 2º ESO B. 

A aula 116 destacou pola orde no mobiliario e pola limpeza no chan e no encerado. Nas visitas do xurado, os caixóns estaban ordenados, as ventás coa ventilación correcta e os estantes ben organizados. Á parte, tiñan expostas algunhas das súas creacións no seu ben organizado taboleiro. 

O premio consistirá en que Fernando, o responsable da cafetería, preparará unhas pizzas para o recreo do venres 14 de xaneiro. Cada persoa do grupo terá a súa porción envolta individualmente e comerá con coidado de manter a distancia de seguridade, como se debe facer diariamente durante o recreo. 

Recordade que o concurso continúa e que haberá un premio final para a "Aula Magnífica", ademais dos premios mensuais. 

Parabéns, rapaces! Seguide así! 

Esta é a clasificación por grupos: 

10.1.22

Artistas galegos 2022

Este ano, quixemos dar a coñecer algúns artistas galegos a través do calendario que realizamos cada ano. 

O departamento de Educación Plástica e Visual escolleu 13 figuras das artes galegas e o alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO reinterpretou algunhas obras de cada artista.


3.1.22

Charla do Plan Director sobre adicción aos videoxogos

O xoves 2 de decembro veu un garda civil chamado Ramón Peña a falarnos sobre os videoxogos e demais aspectos relacionados con eles. Falounos mentres ía pasando unha presentación con diferentes vídeos e fotos tratando o tema. Primeiro, presentouse coma un garda civil ao que lle gustaban moito os videoxogos, ensinounos as súas contas dalgúns videoxogos e mais o seu ordenador, moi potente, para xogar. Todo isto, eu penso que para ir pouco a pouco chamando a nosa atención e introducíndonos no tema do que estaba a falar. 

Despois, ensinounos un vídeo de Elxokas, un streamer galego bastante coñecido pola xente nova, que trataba o tema do xogo competitivo e a súa comparación cos deportes. Chegamos á conclusión de que non é o mesmo un deporte onde fas exercicio físico ca xogar diante do ordenador. Iso, en realidade, non se pode considerar deporte. Tamén nos puxo de exemplo a Elxokas, explicándonos que, a pesar de ser streamer, el ten uns estudos detrás diso e se lle vai mal na súa carreira como streamer podería dedicarse a traballar como enxeñeiro, que foi para o que el estudou. 

Falounos tamén sobre os diferentes tipos de negocio dos videoxogos, que son: 

• Os de pago por licencia, nos que ti pagas por ter o xogo, xa sexa por disco, por tarxeta ou dixital; 

• os gratuítos, pero con anuncios; 

• os de suscrición, nos que, con esa suscrición, tes unha variedade de xogos 

• e os máis importantes, os xogos Freemium, onde hai micropagos e o resto é totalmente gratis e de fácil acceso. Obteñen beneficio a partir da xente que gasta neses micropagos que soen dar vantaxes dentro do xogo. Ata hai psicólogos dentro das empresas creadoras deses xogos que estudan como manipularnos para gastar diñeiro no seu xogo. Normalmente, neses xogos hai moedas propias que podes comprar co teu diñeiro real. 

O que nos veu dicir Ramón é que xogar moito ten consecuencias negativas e que os videoxogos están feitos para producir adicción e para que as empresas que os crean gañen diñeiro. 

Podedes ver imaxes da charla AQUÍ

Mateo Docal Sampayo – 2º ESO C

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...